«Primeira persoa da verdade», por Iago Martínez

Por veces teño mala conciencia. E da peor especie, ademais: mala conciencia de biógrafo, que vén sendo un cruce entre un impostor e un furafollas da prensa rosa. Agrávaseme, a mala conciencia, cando alguén me pregunta por que Alexandre Cancelo e mais eu dedicamos cinco anos a meter o fociño nas pegadas que deixou alguén a quen non coñecemos máis que a través dos seus poemas, primeiro para un facer un documental e agora para escribir unha biografía. Unha vez, un burócrata que non vén ao caso chegou a espetarnos: “A nós non nos importa se Torrente Ballester foi falanxista, o que nos importa é que foi escritor, así que tamén nos dá igual se Lois Pereiro consumía ou non heroína”. Cando non sei como xustificar todo o tempo que investimos no poeta boto man desa anécdota. A torpeza do burócrata é moito máis elocuente ca min.

O meu, a estas alturas, xa non ten remedio. A min xa non me cura o biografismo nin a obra completa de Bourdieu. Cando releo “Conspiración contra Lois” en Poemas para unha loia e tropezo coa cita inicial de Maiacovski, vou correndo ao ISBN a ver en que tradución anterior a 1978 puido ler o de Monforte eses versos dedicados orixinalmente a Lenin. Cando me recomendan unha película ou unha nova serie da HBO, nego coa cabeza: “Se non a viu Lois Pereiro, non a podo ver até que acabe o libro”. Só é broma en parte. Xa dixen antes que da cintura para arriba o biógrafo ten corpo de impostor. Cara abaixo é mellor non mirar.

O antídoto máis eficaz que coñezo contra esta raza particular de mala conciencia é o propio Lois Pereiro. Decátome, repasando o mito que construíron arredor da súa vida, e sobre todo da súa prematura morte aos 38 anos, que era difícil resistirse ao seu engado. O seu irmán atribúelle unha frase que explica parte do magnetismo: “Quero escribir un libro e morrer, como Manuel Antonio”.

Estou cada vez máis convencido de que Lois Pereiro deixou trazada esa deriva biográfica na lectura da súa obra. Toda a súa poética, tanto nos versos de mocidade publicados na revista Loia nos setenta como sobre todo na última etapa, xa moi enfermo, conduce á súa biografía. Está inzada de anzois, atravesada polo seu propio corpo. En Poesía última de amor enfermidade (1995) é claro; en Conversa ultramarina, o seu testamento literario escrito en forma de cartas, até agora inédito, resulta evidente.

Non hai máis que escoitar o recital que deu no bar Moka da Coruña en febreiro de 1996, pouco antes de morrer. As circunstancias nas que foi escrito o seu último libro ocuparon máis tempo aquela tarde que o propio libro. Entre poema e poema, unha confidencia. A enfermidade, a súa hospitalización, a súa primeira morte, o amor dos seus, a nova vida condicional. Non por nada a velada comezara cun texto de Josep Maria Fonollosa popularizado por Albert Pla: “Tengo preparada mi postura al sentarme o de pie, tono de voz y expresión de los ojos y la boca, todo está preparado, todo a punto, puedo empezar pues a escribir mi libro…”.

Piedad Cabo, unha das persoas máis importantes na vida de Lois Pereiro, confesoume unha vez que lle daba moita carraxe que poeta non chegase a coñecer a explosión de internet, el que fora un afeccionado precoz á informática e mesmo tomara leccións de Basic, unha linguaxe de programación paleolítica. A min dáme moita máis rabia non saber se antes de morrer lle deu tempo a ver Trying To Kiss The Moon (1994), unha deliciosa película asinada por aquel Stephen Dwoskin a quen Pereiro citaba no seu primeiro libro. Non podo aseguralo porque non teño ningunha evidencia ao meu favor, pero coido que lle tería gustado. Dwoskin, como el na Conversa ultramarina que está para publicar Positivas, facía literatura coa súa propia vida. En primeira persoa da verdade. (Vía Xornal.com)

Chuzame! A Facebook A Twitter

2 Comentarios to “«Primeira persoa da verdade», por Iago Martínez”

  1. montse di:

    ola son montse e queeri que colgara esta paxina no collixio de barcelos non digan que fun eu con testen me rapido

    • admin di:

      Non entendemos moi ben o que solicita, Montse. Se queren facer referencia a esta páxina no Colexio de Barcelos non teñen máis que publicar unha ligazón. Outras cuestións podemos aclaralas, se precisaren.

Olark Livehelp