Francisco Macías, primeiro editor de Lois Pereiro

Entrevista a Francisco Macías, editor das obras de Lois Pereiro

«[...] No ano 1991, co nacemento de Edicións Positivas, vía a luz o primeiro poemario de Pereiro, Poemas 1981-1991. Francisco Macías lera algún dos seus poemas en revistas e volumes colectivos como De amor e desamor e baixo a premisa de publicar o que ninguén editaba, apostou por recompilar o traballo de Lois. O editor lembra que sempre lle asombrou a capacidade que o escritor monfortino tiña de referirse e unir o amor e a morte, “aos que lles falaba igual, mirándoos á cara”. Esta conexión é unha constante, o que caracteriza esta primeira obra e a segunda de Lois, do ano 95, Poesía última de amor e enfermidade.

A pesares de que todos creron que esta era o último libro de Lois, non foi así. O escritor enviáralle, antes de falecer no ano 96, dous paquetes a Piedad Cabo, con cadanseu prólogo, co obxectivo de que o que alí ía escrito algún día fose publicado. Era o diario e as misivas que compoñen Conversa ultramarina e nas que Pereiro se dirixe moito máis ao amor que á morte. Macías asegura que esta obra nos vai descubrir moito máis ao auténtico Lois, á persoa, porque a pesar de vivir no ambiente duro dos hospitais debido ás enfermidades que padecía, “pensa na sexualidade, o erotismo e a coquetería”.

O responsable de Positivas asegura que “Lois dalgunha maneira modernizou a literatura galega, pola súa intensidade, por aportar influencias da cultura centroeuropea e unha linguaxe máis urbana”.» (Vía Radiodifusión)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os comentarios están pechados.

Olark Livehelp