«Lino Braxe quixo no ano 1997 estreita-la man de Lois Pereiro «na outra beira» (un ano despois da súa defunción) e nun poema titulado como o seu amigo. Asinábao este director de escena, o mesmo que conduciría a Luis Tosar ó determinado destino de Hamlet sobre as táboas. O vindeiro venres, a partir das 22.00 horas, Lino Braxe subirá ó Auditorio Municipal de Vigo xunto á actriz Antela Cid para estrear «Mundo Lois», un «espectáculo de emocións» para achegar a poesía do autor finado e ó que se adica o Día das Letras Galegas deste ano.
«Iremos dando vida ós poemas, en función do que din» cunha escenografía sinxela marcada por tres enormes pantallas, utensilios pequenos e algúns electrodomésticos como dous frigoríficos. Recarga-la escena «iría en contra da súa poesía que era brutal e moi forte pero como un bisturí, moi concreta. Irse a unha cousa barroca non tería sentido. Hai que sintetizar», defende Lino Braxe que ademais de actor é director desta montaxe ideada por Antón Reixa.
Tanto Braxe (Mugardos, 1963) como Cid irán representando poemas ó longo dunha hora entre proxeccións con escenografía audiovisual de Manu Paz, música en directo composta por Alexandre González incluíndo un guión escrito por Pereiro no seu día para a televisión galega no que incluíu un abecedario sobre o que era Galicia. Será neste momento, no que «haberá movementos de escena máis rápidos» para no resto, «crear atmósferas ó redor dos versos con música e imaxes nas pantallas que mostran cousas diferentes», explica o director do espectáculo.
A súa compañeira de reparto, Antela Cid (Vigo, 1984) –rostro tamén do documental de Eduardo Rolland «Novo Vigo vello»; así como da montaxe «Romeo e Xulieta» de Eduardo Alonxo para Teatro do Noroeste– explica que xa «coñecía os seus poemas pero agora a inmersión foi total. É moi curiosa a maneira que ten de expresar esa vitalidade inconformista e, tamén, a aceptación da morte coa que el xoga».
Neste traballo, Cid céntrase en emprega-las imaxes que propón o texto para interpretalas «da maneira máis física posible». Así é como pretende transmitir ó público «o significado da súa poesía», explica.
Trala súa estrea en Vigo, o espectáculo iniciará unha xira por Galicia para mostrar unha montaxe «innovadora», segundo os seus produtores cunha «linguaxe fresca» para intentar chegar ó público máis novo a esencia dunha das mellores poesías galegas da nosa literatura.» (Vía Faro de Vigo)