Iago Martínez: ‘Lois foi un autor máis reivindicado que lido’

«O xornalista e xefe de Cultura de Xornal Iago Martínez (Vigo, 1979) vén de publicar Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011), unha biografía do escritor monfortino construída a partir dunha ampla base documental formada por máis de trinta testemuñas que Martínez entrevistou ao longo de cinco anos para desenvolver, xunto a Alexandro Cancelo, o filme sobre Pereiro titulado Contra a morte. O autor reconstrúe a traxectoria vital e literaria de Pereiro nun volume que Xornal ofrecerá por 11,95 euros aos seus lectores o próximo martes para celebrar o Día das Letras Galegas.
- Xornal: Como se reconstrúe a vida de Lois Pereiro a través de trinta voces?
- Iago Martínez: Eu sempre pensei que era imposible reconstruír a vida de ninguén. Escribir u­nha biografía ten algo de absurdo e algo de suicida. Nós non fomos exhaustivos no documental porque pensásemos que ao selo tivésemos garantido o éxito. Buscamos ser exhaustivos porque quixemos selo, queriamos ter o mapa máis completo posible. Entrevistamos a escritores do grupo de amor e desamor, a xente que fundara Loia nos setenta en Madrid, persoas que colaboraron en La Naval, pero tamén quixemos incorporar a xente que a historiografía non vai lembrar. Son os seus amigos, os que non teñen que ver coa literatura. Na biografía, eu tratei de construír un relato humano. Con humano non me refiro a unha cuestión emocional, refírome a unha escala humana. Que tivera unha estatura na que me recoñecese eu. Ao final pulvericei todos os límites. O libro comeza cunha cita de Bourdieu que advirte da ilusión biográfica e con outra de Thomas Bernhard, que é unha da derrota. Iso demostra a miña vocación e a sensación que teño de que, ao final, teño renunciado a certas cautelas para conseguir un relato con aura de fábula. Acabei construíndo un relato redondo, que comeza e acaba. Un relato que aparece pechado aínda que a vida nunca o é. É unha biografía para ser lida, ten o valor da documentación. Son anos de investigación, con testemuños distintos e mesmo contraditorios, sintetizados nun relato.
- Xornal: Poeta maldito, poeta existencialista, poeta punk… A Lois Pereiro puxéronlle moitas etiquetas. Como biógrafo pensa que son só tópicos?
- Iago Martínez: Todas as etiquetas son inxustas. De todas esas, hai unhas que son máis inxustas ca outras. Ademais, cando se fala de poeta punk ou poeta maldito, fálase de etiquetas vellas, que son indisociables do constructo que chamamos Lois Pereiro. Son previas a esta lectura que se fai despois da elección para o Día das Letras. Por exemplo, o de existencialista penso que é algo recente. As comparacións con Rosalía, por outra banda non son recentes, pero agora repítense moito máis. Todas as etiquetas son inxustas e, ademais, eu penso que Lois foi un poeta máis reivindicado e citado que lido e coñecido. Non é miña, pero a frase da contraportada da biografía di que Pereiro é un mito contemporáneo das letras galegas. Probablemente sexa certo, tiña moito de mito por moitas razóns. Afortunadamente agora hai máis coartadas para volver ler a Lois Pereiro, hai achegas biográficas que permiten rescatar a complexidade da súa vida, que é tan complicada como a vida de calquera. Rescátanse ademais os seus textos.
- Xornal: Que significa para a Academia a elección de Lois Pereiro?
- Iago Martínez: Para a Academia, non o sei. A Academia neste caso funciona máis como catalizador e desencadeante que como escenario. Non me arriscaría a facer unha lectura en clave orgánica de decisión. Si que me arrisco, en cambio, a sinalar a Rivas como un dos cómplices necesarios desta historia. Pereiro, ademais, é un poeta contemporáneo, eu creo que desmarcado incluso da súa propia xeración, con conexións moi claras coa cultura popular, co cine, coa música. Ademais, servía como arma arreboladiza contra as estruturas de poder e os discursos hexemónicos. Na literatura galega, como me dicía Antón Figueroa, hai moi poucas posicións como as de Lois Pereiro. Posicións críticas, distanciadas de escritores da que se pode chamar da estirpe dos escritores libres, da estirpe de Manuel Antonio. Entón, cando un quere emitir un discurso sobre a literatura galega ou quere manter unha postura distante coa literatura galega, ten pouco onde escoller e unha desas escollas sempre foi Lois Pereiro. Por iso digo que é unha figura máis reivindicada e citada que lida e coñecida.»
Entrevista en Xornal, publicada o 14 de maio, por Alberto Ramos. O orixinal pódese consultar aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os comentarios están pechados.

Olark Livehelp