Manuel Rivas: ‘Lois Pereiro é un anticipado, vai abrindo camiño aos outros’

Entrevista de Santiago Jaureguizar a Manuel Rivas en Galiciaé-El Progreso:
‘Pereiro e Rivas compartiron numerosas experiencias vitais e intelectuais desde que se reuniron para dar contidos á revista Loia en Madrid ata o colectivo De Amor e Desamor na Coruña.
- Pregunta: A Real Academia Galega tomou a candidatura con escepticismo.
- Resposta: Eu fun un dos tres que a presentamos. O que gustou é que foi acollida por unha maioría tras un proceso de elección no que se deu unha oportunidade a todos. Resultou emocionante ir vendo que Lois Pereiro tiña apoios porque era unha aposta arriscada.
- P: A recepción foi inmellorable, pois nunca houbo pintadas na rúa co perfil do homenaxeado…
- R: Certo. Nin manifestacións con pancartas recollendo versos… Hai tamén un recital expansivo, Vento Lois, no que participa xente de Francia, América…
- P: O singular é comprobar que conecta cos máis novos.
- R: Percibiron que a súa voz ten un significado, porque a súa poesía logra dicir aquilo que non estaba expresado. Lois era unha voz singular e xeracional ao tempo.
- P: Como foi o seu encontro?
- R: Eu coñecín o seu irmán Xosé Manuel na facultade de Periodismo de Madrid e xurdiu unha amizade. Fun pasar uns días a Monforte e alí o coñecín, na cristalería do pai.
- P: Conectaron?
- R: El era máis novo ca nós, pero parecía maior polo xeito de estar e de falar. Logo vías que era unha desas persoas que van un paso por diante. Nel estaba a Galicia dos cancioneiros, dos campesiños, reis e poetas, porque el era as tres cousas. Logo coincidimos en Madrid e fixemos a revista Loia.
- P: Os seus referentes coincidían?
- R: Sendo moi bo lector, era unha persoa que estaba no cinema e na música. Nos seus textos é un anticipado, vai por diante abrindo camiños aos outros.
- P: Seguiron despois en contacto?
- R: Si, retomámolo cando el veu para A Coruña co colectivo De Amor e Desamor. Sumabamos 21 integrantes, un grupo semellante a Loia pero máis variado. Eramos xeracións distintas pero coa idea común de construír un espazo fronte á sensación de baleiro que tiñamos.
- P: Como encaixaba Pereiro no colectivo De Amor e Desamor?
- R: É un autor que ten a condición de maldito. A imaxe era distinta, era un corpo que camiñaba en forma de vangarda que está postrando a cabeza pola enfermidade. El nunca exteriorizou a dor nin fixo por ser un poeta maldito.
»Fixo unha viaxe á zona secreta do ser humano de modo incondicional»
- P: ¿Que diferenciaba a súa poesía?
- R: Fixo unha viaxe á zona secreta do ser humano de modo incondicional, por iso é tan diferente a súa poesía. Fixo unha aposta moi forte.
- P: Tiña sentido do humor?
- R: Moito! É un humor que ten fío coa dor. A súa presenza era onírica, a de alguén que coñece o fondo da vida e loita contra a morte.’

O orixinal, publicado en Galiciaé-El Progreso o luns 16 de maio, pódese consultar aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

Olark Livehelp