‘Xerais prepara un volume con textos inéditos de Lois Pereiro’

Artigo de Iago Martínez en Xornal de Galicia:

«Para Isabel: ela, a que exerce na luz. Así empeza un dos últimos cadernos que escribiu Lois Pereiro antes de morrer. Un dietario que lle dedicou á persoa que llo puxera nas mans como agasallo: Isabel Romero, a muller do seu irmán Xosé Manuel. «Dietario 1996, que estou a escribir para Isabel», confesa na primeira páxina. «É herdanza súa e soio súa: unha promesa mínima que merece dabondo. (Esperemos que as follas abonden para outro ano)». Este Caderno para Isabel, como o alcuman provisionalmente os herdeiros do poeta monfortino, verá por primeira vez a luz a finais deste ano. Formará parte do libro co que a editorial Xerais ten previsto pechar o ronsel de publicacións arredor do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou este ano o Día das Letras. O volume, ao coidado do seu irmán, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, completarase coa transcrición doutros cadernos inzados de apuntamentos das viaxes de Lois Pereiro polo mundo e un DVD coa gravación do último recital do autor de Poesía última de amor e enfermidade –no bar Moka da Coruña en xaneiro de 1996– e posibelmente tamén algunhas imaxes dun acto que compartiu con Manuel María. O libro súmase á presada de publicacións sobre Lois Pereiro no catálogo de Xerais, que van dende a edición da Poesía completa que preparou a profesora Ana Acuña ou a Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia– acompañada por outros textos dispersos en publicacións periódicas dos 80 e 90– até as distintas achegas biográficas, entre as que destaca a aproximación comiqueira, como a define o seu autor, de Jacobo Fernández Serrano. Unha das últimas contribucións do selo que dirixe Manuel Bragado en Vigo titúlase Que lle podo ofrecer a quen me intente?, un volume coordinado por Anxo Angueira e Teresa Bermúdez no que se reúnen ensaios, retratos e homenaxes literarias.

Publicado no Xornal de Galicia o 18 de xullo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Deixa unha resposta

Olark Livehelp