Artigo de Diana Mandiá en El País (Galicia):
«Lois Pereiro foi un poeta que non finxía, convincente, e a súa é unha sensibilidade actual. Hai que pensar que morreu novo, e que a estas alturas sería case un rapaz». Antón Lopo, autor de A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro (2011), non dubida de que a promoxidade temporal da obra do de Monforte ten moito que ver no éxito deste último Ano das Letras. Tamén pesou, segue, a presenza constante do amor e da morte, eses vellos visitados, na produción do poeta punk, tan fillo do seu tempo que sufriu en carne propia o colza e a sida, descuberta en 1981, o mesmo ano no que Pereiro consumiu o aceite envelenado. «É o máximo representante da poesía popular contemporánea», sentenza Lopo sobre quen escapou do canon literario e mesmo engrosou a nómina do malditismo.
«Foi un logro a popularización do autor sen caer en reducionismos»
Lopo fai balance do ano de homenaxes ao autor de Poesía última de amor e enfermidade (1995) durante un breve descanso do congreso que onte botou a andar en Santiago, e que continúa hoxe e mañá en A Coruña, sobre a figura do monfortino. O encontro, inaugurado polo catalán Pere Gimferrer, aspira a ser o peche definitivo das Letras Galegas de 2011, a conclusión «dun éxito difícil de superar», segundo o conselleiro de Cultura, Roberto Varela. «Foi un logro a popularización do autor sen caer en reducionismos. Esa popularización trouxo consigo un desterramento de tópicos», afánouse en sinalar o titular de Cultura, que felicitou á Academia por un ano das Letras que «devolveu a Galicia un bardo apaixonado».
Mentres o Ano Pereiro esgota os seus últimos días, o congreso sobre o poeta segue a darlle voltas ás súas querencias literarias, ao Monforte en crise no que medrou – unha cidade, sinalou Lopo, «que comunicaba Galicia co resto do mundo como centro ferroviario»-, ao antes e despois da enfermidade, das adiccións e do infortunio amoroso. O poeta europeo que foi Pereiro, así retratado na lección inaugural de Gimferrer -prologuista da edición bilingüe de Obra completa- emparentou co francés Arthur Rimbaud na morte temperá, amais de con Dylan Thomas, Henri Michaux ou Stéphane Mallarmé na súa vida «non homologable», en palabras de Lopo. Malia todo, a tese de Gimferrer impón unha diferencia non menor entre o de Monforte e os seus mestres. «Cando escolle a parte que depende da súa opción persoal, xa está determinado o carácter da súa obra, un carácter único nas literaturas ibéricas contemporáneas». Non é o consumo de drogas, esencial en Michaux, o que explica a obra de Pereiro, que tomou forma de circunstancias que o de Monforte non decidiu, como a enfermidade. «A súa voz poética é separada da voz autobiográfica; depende da súa biografía, pero é allea a ela», defende o catalán.
No percorrido pola figura de Pereiro, amais dos poetas centroeuropeos aos que tanto admiraba, o congreso propón unha reflexión sobre os seus gustos musicais ou a súa devoción polo cine, incompleta até que a Filmoteca de Madrid lle deu a oportunidade de ver as películas que sabía xa de memoria polas lecturas. O relatorio de Antón Lopo, xa na sesión da tarde na Cidade da Cultura, buscou paralelismos entre a traxectoria vital do autor de Conversa Ultramarina e a de Lou Reed, o líder da Velvet Underground, hoxe convertido nun «activista antitabaco». Mais moito antes de que o americano renegase do punk, o galego atopou na droga un alivio para os sufrimentos da enfermidade. Eran os tempos, recorda Lopo, da heroína como «un dos principais protagonistas da vida social da cidade».
O Congreso Lois Pereiro continúa hoxe na sede da RAG con relatorios de Daniel Salgado, Anxo Angueira e María Xesús Nogueira.
Pódese consultar na súa versión orixinal, do 16 de decembro de 2011, aquí.