Artigo de Xosé Manuel Pereiro sobre a primeira xornada do Congreso Lois Pereiro:
«Apuntes da conferencia inaugural -Lois Pereiro, un poeta europeo- que Pere Gimferrer, autor do prólogo da obra completa bilingüe de Lois, fixo no Congreso LP, a xeito de tuits (dado que na sala non había cobertura e tamén estou algo farto de olladas reprobatorias ao maleducado ese que fedella no móbil e non atende)
«A literatura galega estivo sempre no centro da cultura europea, non na periferia, como soubo Roman Jakobson e ignora George Steiner, que a menosprezou».
«Non hai contradición, nin oxímoron en que unha Academia homenaxee a alguén tan pouco académico como LP».
«Chama a atención a variedade e a intensidade da obra. O seu control da materia poética é moito maior que o de poetas similares, como Leopoldo María Panero»
«LP elixiu a súa tradición literaria, pero ao contrario que Dylan Thomas ou Henri Michaux, el non escolleu a enfermidade, non hai nel un malditismo deliberado».
«Na segunda metade do século XX, nas literaturas ibéricas non hai un poeta semellante, e na europea hai poucos».
«Para sobrepoñerse ás doenzas que padeceu hai que ter unha enerxía moral extraordinaria».
«Non hai poemas nin liñas na súa obra que non chamen a atención pola súa intensidade».
«A súa evolución literaria é en espiral. Cada volta supera á anterior, sen romper con ela, e sempre avanzando».
«Todos tendemos a escribir así. Soamente algúns, como Pereiro, o conseguen».
E dous de Roberto Varela:
«O Día das Letras deste ano foi un éxito moi difícil de superar, e foino grazas á implicación da sociedade, e particularmente da mocidade».
«Dicía Dylan Thomas que o mundo xa non é o mesmo mundo desde que se lle engade un bo poema. Lois cambiou a forma na que nos movemos no mundo».»
O orixinal pódese consultar na súa páxina, Si home si. Publicado o xoves 15 de decembro de 2011.
[...] das actividades celebradas este ano e o atribúe á calidade poética «dunha figura que, como dixo Gimferrer, é unha das grandes da poesía en Europa, conectado ás correntes do seu tempo». Para Manolo [...]