Modesta proposición e outros ensaios, de Lois Pereiro, novidade do mes de marzo en Xerais

O libro Modesta proposición e outros ensaios, de Lois Pereiro é unha das novidades de Xerais do mes de marzo. Este libro únese aos outros dous, xa publicados nesta editora, sobre o autor das Letras Galegas 2011.
A Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, así como os artigos e entrevistas incluídos nesta edición, son un testamento claro do pensamento e das posturas literarias e vitais de Lois, e rachan os dous principais tópicos sobre el. Un, o que o cualifica unicamente como poeta. O outro, o do seu malditismo. E reafirman o compromiso radical de Lois Pereiro coa literatura e co mundo no que vivía. «Canto peores sexan os tempos que vivamos, máis falsa será a inxenuidade, menos inocente a indiferenza, e máis cómplice non comprometerse», reclamaba na Modesta proposición.
Este ano en que se lle dedica o Día das Letras Galegas, Lois Pereiro faría 53 anos e sería un dos poetas de referencia. De feito éo, a pesar de que, ata este ano, unicamente tiña publicados dous poemarios e un terceiro póstumo, esgotados ou difíciles de atopar. Cento e pico poemas chegáronlle para ser a un tempo unha das voces máis innovadoras da lírica galega de finais do século XX e, como aventurou Manuel Rivas xa en 1993, o clásico que ten a literatura galega sen sabelo.

3 Comentarios to “Modesta proposición e outros ensaios, de Lois Pereiro, novidade do mes de marzo en Xerais”

  1. […] Do prelo de Edicións Xerais saíu recentemente Modesta Proposición e outros ensaios de Lois Pereiro, o poeta monfortino cuxa obra e espírito está protagonizando o 17 de maio máis […]

  2. […] para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, que vén de recuperar Xerais xunto a outros artigos dispersos do monfortino, na revista Luzes de Galiza. Foi en 1996, nos seus […]

  3. […] dunha cíclica historia universal da infamia, que temos a sorte de ver publicado no libro Modesta proposición e outros ensaios, Xerais, 2011. Alguén dixo por aí que o homenaxeado das Letras Galegas se adiantou en varios anos […]