Lois Pereiro e o seu manifesto pola revolta, por Rodri Suárez, en Galicia Confidencial

“(…) Do prelo de Edicións Xerais saíu recentemente Modesta Proposición e outros ensaios de Lois Pereiro, o poeta monfortino cuxa obra e espírito está protagonizando o 17 de maio máis activista e feliz que se recorda en moito tempo. O título do libro fai referencia a Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, texto en prosa que viu a luz na histórica revista Luzes nos últimos días de vida de Pereiro, en 1996. O seu irmán e xornalista referencial Xosé Manuel Pereiro ou o escritor Manuel Rivas tamén participan no volume. Pero é na Modesta Proposición… onde o lector pode atopar un certeiro e profético berro de rabia intelectual contra os tempos que vivimos. Un manifesto aberto e necesario que non debería ficar desaproveitado.
¿De que parte estou, pregúntasme, cravando en min a túa pupila azul…? Da mesma que crin estar sempre (…) Sigo a estar de parte da Beleza, dos que nos sentimos na obriga de loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou moralmente xusto e evidente, a pesar de tantas dúbidas, decepcións e diferentes perspectivas de actuación, levando ás costas tantas traizóns decepcionantes en vertixinosa e constante cadea continua de agresións dunha historia de infamia que xa non nos permite ser inxenuos, porque se as vítimas de antes pretenden ser verdugos á súa vez ¿de que parte que non sexa sempre a das novas vítimas, dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa?. Todo isto pode lerse só no primeiro parágrafo.

Entusiasmo combativo

Hai moito máis. Non se trata de reproducir aquí, pero si de expandir e transmitir ese entusiasmo combativo que se sente no primeiro contacto co texto. Nunca perdín despois de tantos anos esa necesidade de sentirme molesto e radical; Vivimos malos tempos para a reflexión e a resistencia neste imperio ‘zombie’ de Microsoft mental cando xa hai tan poucas persoas con neuronas dispostas a servirse de tanta información, e moito menos a utilizalas en contra dese mesmo poder que as invade coas peores intencións; E canto peores sexan os tempos que vivamos, máis falsa será esa inxenuidade, menos inocente a indiferenza e máis cómplice non comprometerse. Quen desexe realmente facer algo, á medida das súas forzas, talento ou influencia, que se poña mans á obra e axude a exercer a sabotaxe. Inda que un non consiga aspirar máis que a transformar o seu propio espírito, a mellorarse tan sequera coa súa alma e a súa vida en cada un dos seus actos, só con iso elevará o nivel da súa propia e durmida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo; Estamos obrigados a escoller as cousas e ideas máis dignas do noso nivel de ética e xenerosidade (…) Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma.
Estas son só algunhas das lúcidas verbas que deixou escritas Lois Pereiro na Modesta Proposición…. Un vello manifesto a prol de novos tempos. Un luxo que obriga libremente. Un espertador de conciencia e carraxe. Efectivamente, é momento para poñerse mans á obra. Marabillosas guías de rebeldía chégannos dende terras veciñas. E unha aínda superior naceu entre nós mesmos hai tres lustros, quen sabe se pensando no día de hoxe, de letras galegas que son forza de xusta resistencia.”
O artigo completo de Rodri Suárez en Galicia Confidencial pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.