Iago Martínez: ‘Lois Pereiro e a indignación’

“(…) A literatura galega ten o seu propio Indignádevos. Lois Pereiro publicou a súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, que vén de recuperar Xerais xunto a outros artigos dispersos do monfortino, na revista Luzes de Galiza. Foi en 1996, nos seus últimos meses de vida, mentres o poeta redescubría o colectivo –testemúñano os seus poemas e os apuntamentos diarios de Conversa ultramarina– e se arrepoñía contra o cinismo que levaba, dicía, instalado en cada célula: “E canto peores sexan os tempos que vivamos, máis falsa será esa inxenuidade, menos inocente a indiferenza e máis cómplice non comprometerse”.
A primeira vez que falei en público sobre Lois Pereiro, xusto despois de rematar a rodaxe dun documental arredor do poeta e a súa xeración, foi no Centro Social Okupado Casa das Atochas da Coruña. Recordo que Daniel Salgado e Xiana Arias leron algúns versos e Marcos Pérez Pena falou sobre Ramón Piñeiro, a quen daquela se celebraba polo Día das Letras Galegas. Xa antes de cear e beber fora unha tarde fantástica, e para min moi emotiva. Pura horizontalidade.
Esta semana volvín ás Atochas para falar outra vez de Lois Pereiro. Non puidemos facelo dentro porque o día anterior a policía desaloxara o centro e uns albaneis tapiaran os accesos e romperan os cristais da casa, facéndoa inhabitábel. Reunímonos na Praza das Mulleres Libres, como lle chaman na comunidade ao espazo que hai diante en memoria da represión e as súas vítimas. Falei pouco, apenas un resumo da biografía do escritor e uns apuntamentos do que chamo, con máis dúbidas ca outra cousa, Modesta proposición para ler politicamente a Lois Pereiro. Ao rematar lemos en voz alta a Modesta proposición orixinal, na que o poeta se encomendaba a Brecht, seguramente, pensando tamén nos homes do futuro. Comecei eu e rematou Nicanor, un home maior a quen non coñecía, mentres os demais escoitaban. Quero crer que o silencio era tamén de indignación.”
Artigo de Iago Martínez en Xornal, que pode lerse completo aquí.

Os comentarios están pechados.