Mundo Lois en Monforte o 28 de abril

“O xoves 28 de abril a partir das 20:15 h. no Edificio Multiusos as monfortinas e monfortinos teremos unha magnífica oportunidade de achegarnos á figura de Lois Pereiro, escritor monfortino ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2011, a través do espectáculo Mundo Lois.
Mundo Lois, que xorde dunha idea de Antón Reixa (amigo de Lois Pereiro), é un espectáculo dirixido por Lino Braxe e interpretado polo propio Lino Braxe e Antela Cid. A escenografía audiovisual do espectáculo, coproducido por Nordesía, Filmanova e Kachet, é de Manu Paz e Antón Reixa e conta coa banda sonora de Alejandro González.
Mundo Lois co fío condutor dos propios textos de Lois Pereiro na voz dun actor, unha actriz e unha ambiciosa escenografía audiovisiual apoiado nunha intensa e constante banda sonora pretende subministrar a calquera espectador unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da personalidade do escritor monfortino.
Aínda que o espectáculo está dirixido a xente dun amplo abano de idades, o feito de que este ano das Letras Galegas estea dedicado a un escritor tan próximo no tempo e que traballou en claves moi elaboradas da escrita de vangarda e da cultura popular xuvenil supón unha oportunidade singular para interesar pola cultura de expresión galega a novos públicos.” Desde a web do Concello de Monforte.

Os comentarios están pechados.