‘Tirar Lois Pereiro do parnaso’, por Daniel Salgado, en El País

“Nada amábel había na escrita de Lois Pereiro. Poeta urbano, aguzado, metálico e hermético ao comezo, descarnado e radicalmente diáfano contra o final, a constelación de afinidades lectoras do autor de Poesía última de amor e enfermidade situábao nun lugar moi fóra do popular. “Pero a nosa obriga, a dos seus amigos e coetáneos, é rescatalo do silencio en que estivo mergullado até agora”, non dubida o escritor Lino Braxe. Con produción de Antón Reixa, Braxe dirixe Mundo Lois, “un espectáculo multiarte” apoiado nos textos do monfortino que esta noita se estrea no auditorio do Concello de Vigo.
“Debemos sacar a Lois Pereiro da catacumba, pero sen sacralizalo”, afonda Lino Braxe, “porque parece que cando entras no parnaso das letras galegas ficas fagocitado e iso dáme medo, non quero que lle ocorra”. Que a Pereiro (Monforte de Lemos, 1958 – A Coruña, 1996) lle dedique a Real Academia Galega o Día das Letras de 2011 non deixa de resultar, á vista de Braxe, un certo paradoxo. “Por suposto que ten que entrar nas academias e nas universidades”, admite, “aínda que como o que foi, non como o faría Aquilino Iglesias Alvariño, para entendérmonos”.
Talvez debido ás consideración previas de Braxe -el mesmo autor de libros de poemas como Alarido ou A caricia da serpe-, Mundo Lois parte da intención de achegar a literatura de Pereiro ao público. Unha escenografía, proxeccións audiovisuais, a música en directo de Alexandre González e o recitado dunha escolma de textos en boca da actriz Antela Cid e do propio director da montaxe conforman o operativo despregado para “divulgar” a obra poética do monfortino. “Queremos que resulte o máis divulgativo posíbel”, puntualiza, “malia ser un autor moi íntimo e ao tempo moi querido; coñecíano poucos, pero os que o coñecían eran moi hooligans”.
“[Lois Pereiro é] un escritor tan próximo no tempo que traballou en claves moi elaboradas da escrita de avangarda e da cultura popular xuvenil e supón unha oportunidade singular para interesar pola cultura de expresión galega a novos públicos”, di a declaración de intencións de Mundo Lois pendurada na web do espectáculo. Xurdido dunha idea de Antón Reixa, cuxa empresa Filmanova coproduce, con Nordesía, o proxecto, en palabras de Lino Braxe, pretende “que se volva falar de Lois Pereiro, que se poña en solfa para que os novos se emocionen cos seus poemas, co seu xeito de escribir”. Os materiais extraídos dos seus tres volumes de poesía –Poemas 1981/1991, Poesía última de amor e enfermidade e Poemas para unha loia-, da súa novela Náufragos do paradiso e do seu panfleto político Modesta proposición “para que o mundo cambie un pouco” serven de base ao Mundo Lois. “É doado facer un espectáculo con textos tan bos”, confesa o propio Braxe, “o difícil sería facelo con textos malos”.
Coa teima, na que insiste unha vez e outra, “de que Pereiro non quede para unha koiné, para un grupo hermético, que todo o mundo poida chegar a el”, o responsábel artístico de Mundo Lois lembra ao poeta que coñeceu. “Vivía o galego con moita naturalidade”, di, “era un poeta punk, urbano, universal. E punto”. Quen escribira o poema Narcisismo fixérao escollendo unha tradición multinacional, non seguidista, por veces de aparencia chocante: Ánxel Fole e Peter Handke, Paul Celan e Manuel Antonio, Lou Reed e PIL, Baudelaire e Álvaro Cunqueiro, Vladimir Maiakovski e José Ángel Valente. “É que, igual que me pasa a min”, continúa Braxe, “Pereiro escribía non para ser un escritor galego, senón para ser un escritor universal; a miña vara de medir non está en Curros Enríquez, senón en Arthur Rimbaud”.
De como mudar en popular unha obra dura e sen concesións, ademais realizada en verso, o director de Mundo Lois explica que, como alguén unido ao homenaxeado nas Letras pola amizade, é a súa tarefa intentalo. “Hai unha serie de persoas que aman a poesía, pero se cadra venda máis ‘puedo escribir los versos más tristes esta noche’, e non teño nada contra Neruda”, expón, “que ‘sigo os pasos do sangue no meu corpo”. Ese era o Lois Pereiro a quen a poeta Chus Pato definía, n’A praia do corazón de Mandelstam, como aquel polo que “sangue labrego […] corre polas veas e fascinación pola paisaxe industrial, como bo herdeiro das vangardas, aínda que as vangardas descoñecían o que a continuación viría […]”.

Artigo de Daniel Salgado en El País, que pode consultarse na súa versión orixinal aquí.

Os comentarios están pechados.