‘Dicionario Lois Pereiro’, por María Xesús Nogueira, en 3C3 Editores

María Xesús Nogueira publica o ‘Dicionario’ Lois Pereiro en 3C3 Editores, dentro da súa colección Biográficos. Reproducimos aquí unha parte do Limiar do libro, a cargo de Xosé Luís Méndez Ferrín:
“A estudosa foca neste libro un Lois Pereiro entendido como totalidade e relacionado co seu, co noso, tempo. O ollar crítico amosa a circunstancia da recepción contemporánea, mais tamén atende ás raíces, ás xíneas, ás fondas fontes de onde abrolla o leite negro que moito verso de Pereiro é. Sinala a silueta da persoa física, convertida xa en emblema. E tamén se achega aos seus próximos (Rivas, dous Patiños, Xosé Manuel, Piedad como narrataria e como persoa, o Suso Iglesias) co cal Chus me fai notar que eles son xente do meu sentir e da miña veciñanza, os que sobreviviron ao seu camarada Pereiro. Hai días saudei a nai de Pereiro e pareceume unha muller coñecida de antigo. Todo no libro de María Xesús Nogueira me leva á ilusión de que o defunto, o poeta ao que nunca ouvín falar, o sufridor, era alguén con quen convivín. Para outros, o Dicionario será a revelación dun continente humano e literario descoñecido. María Xesús Nogueira traballou a obra de Pereiro con intensidade e agarimo (o derradeiro nótase, abofé). Outra Chus, a miña amiga Pato, co seu inmenso respecto por Lois Pereiro, hai tempo que me instara a lle eu prestar ao poeta de Monforte a atención debida. Agora Nogueira ofrécenos o seu traballo excelente, que nós agradecemos.” Desde Culturagalega.

2 Comentarios to “‘Dicionario Lois Pereiro’, por María Xesús Nogueira, en 3C3 Editores”

  1. […] sábado 14 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Serra de Outes, preséntase o Dicionario Lois Pereiro, de María Xesús Nogueira, publicado en 3C3 Editores. No acto, organizado pola Asociación Terra […]

  2. […] partir das 20:00 h., na Feira do Libro de Santiago de Compostela (Parque da Alameda), preséntase o ‘Dicionario’ Lois Pereiro, de María Xesús Nogueira, publicado por 3C3 Editores. Xunto coa autora, intervirán no acto Xosé […]