Marcos Calveiro: ‘Con Lois Pereiro, a Real Academia Galega, por primeira vez, non vende o cadáver exquisito de tódolos anos’

Entrevista de Mar Mato a Marcos Calveiro en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo: Vén de pubicar Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais), unha biografía atípica.
– Marcos Calveiro: A min, encargáronme facer unha biografía de Lois, o que aceptei de inmediato porque era unha honra, aínda que non o coñecín persoalmente. Era a primeira vez que me encargaban un libro de non ficción, aínda que ó final foi ficción polos problemas que tiven.
– Faro de Vigo: Problemas?
– Marcos Calveiro: Non pola familia, senón por min. Eu non son xornalista e a min púidome o pudor en moitas ocasións nas que non me atrevín a preguntar moitas cousas. Andaba cunha gravadora e non a empreguei porque me daba vergonza. Despois de darlle moitas voltas, pensei que non quería facer unha biografía ó uso porque, por primeira vez tiñamos un homenaxeado no Día das Letras Galegas que non é ó uso. Quería facer algo distinto e pensei nun guión de cine. Escollín algunhas escenas relevantes da súa vida e recreeinas. Nalgunhas ocasións parto dunha anécdota real; noutras, son pura invención a raíz dunha fotografía ou dunha imaxe sobre el.
– Faro de Vigo: Con 23 anos e cunha sentenza a morte polo aceite de colza.
– Marcos Calveiro: El quedou esnaquizado a raíz da colza, co fígado moi mal. Todo o mundo asociamos a imaxe gótica a Lois, pero todos os envelenados quedaron así, con perda de masa muscular. Foi nun tempo moi curto o proceso de deterioro físico. É máis, a primeira vez que vin as fotos confeso que chorei. Ves, primeiro, un adolescente que marcha a Madrid a comerse o mundo;e, nuns meses despois, ves fotos nas que está esnaquizado.
– Faro de Vigo: Que destaca de Lois?
– Marcos Calveiro: Era un poeta minucioso. Escribía e correxía; podía estar meses cun poema buscando a palabra axeitada; tiña unha poesía destilada como se fose un licor. Os poemas parecen sinxelos pero chegar aí é moi difícil. O seu corpo, pola enfermidade e a dor foi unha loita constante.
– Faro de Vigo: Cre que Pereiro é o gran descoñecido para a xente nova?
– Marcos Calveiro: Penso que non. Os seus libros vendéronse ben. Os da miña xeración tiñámolo coma un mito. Para o gran público… Era máis coñecida María Mariño que Lois? Eu penso que non. Este ano por primeira vez a Real Academia Galega non vende o cadáver exquisito de tódolos anos do ano catapún-chimpún.”

Pódese ver a entrevista completa aquí.

Os comentarios están pechados.