‘Lois Pereiro: O fillo posmoderno’, reportaxe sobre ‘A palabra exacta’, de Antón Lopo

Reportaxe sobre A palabra exacta, de Antón Lopo, en Galicia Hoxe:
“Antón Lopo: “Lois Pereiro non era un poeta maldito nin un outsider: distinguíase da súa xeración no seu carácter popular, que emanaba do pobo”
“Leva tracexado no seu físico o mapa da sociedade posmoderna galega e, no seu propio corpo, leva escritos os accidentes da xeografía capitalista; enténdase a especulación comercial da colza, o lenitivo da heroína, o estigma da sida, a quebrazón laboral do marxinado, o perfil dun poeta que non entraba no canon e a ideoloxía dun home que se movía entre Castelao e Kropotkin”. Son as palabras “exactas” coas que o xornalista e escritor Antón Lopo afonda en Lois Pereiro dende que era un neno tímido e sensible, con aspecto de “vello”, cohibido pola educación dos Escolapios, que aprendeu o galego do Incio despois de ser educado no castelán de Monforte, un neno-vello que se converteu nunha das maiores “iconas” da literatura galega. Das fendas desa intensa vida nace A palabra exacta que se presenta hoxe a partir das 20.00 horas na Feira do Libro de Compostela, nun acto no que participarán o autor xunto a Carlos Lema, director de edicións de Galaxia e Xosé Manuel Pereiro, xornalista e irmán do poeta que se homenaxea o vindeiro Día das Letras.
A través da súa nai, Inés, dos seus irmáns Josito e Inés, do seu amor Piedade, ou de amigos como Manuel Rivas e Fernando Saco, Lopo vai tecendo unha visión poliédrica do autor de Poesía última de amor e enfermidade (1995). As súas voces celebran ter amado a quen se converteu nun “heroe tráxico, tocado por un destino tráxico, un aspecto vital que o converte nun personaxe popular, non no sentido de famoso senón como alguén emanado do pobo, aínda que socialmente pertence aos restos dunha aristocracia rural”, comenta o autor monfortino.
O amor foi o motor da vida e da obra de Lois Pereiro, unido nunha relación de “siameses” con Piedade Cabo. “O seu concepto de amor -comenta o autor- vai máis alá do que hoxe é moderno para converterse nunha radicalidade que caracteriza tamén a súa obra, que o leva a amar máis alá do tempo de cando o amor se esgota. O peso de Piedade en Pereiro é central: dende o seu primeiro verso até case o último xorden porque Piedade existe. Pero tamén creo que Pereiro ao final da súa vida se dá liberado desa concepción da poesía e logra descubrir que o amor en realidade pode ser unha envolvencia. Sen deixar de amar a Piedade poderá amar a todo o mundo”. De feito, o libro remata cunha entrevista “póstuma” a Lois Pereiro na que Lopo lle pregunta ao poeta se se sentiu algunha vez amado e ao que o poeta responde: “Nunca como imaxinaba que se sentían os amados, agás eses anos iniciais con Piedade, aínda que me faltase un ceo no que deitarme, un universo cálido, un estralo das vértebras, unha aceptación… Despois, burleime daquela necesidade de amor que tiña, talvez porque desistira del ou porque aceptei, finalmente, o esplendor do amor cotián. Estaba rodeado de amor: vino ao asomarme á sima da miña enfermidade”.
A poesía do monfortino estaba á marxe do sistema; el mesmo fomentaba unha estética intransferible, unha “pose” de “dandy”, como indica o seu irmán, Xosé Manuel Pereiro. “Di Rivas que el nunca fachendeou da súa posición nin da súa estética. Creo que era ante todo un home discretísimo que buscaba non estorbar. Era un señor moi consciente do que facía. El sempre estivo convencido de que era un gran poeta”, sinala o autor.
“O rock estaba vencellado á súa forma de creación”
Precisamente debido á súa radical independencia, Lois Pereiro nunca cadrou no canon xeracional dos oitenta, algo que analizan na parte final da biografía Daniel Salgado, Xabier Cordal, Xosé María Álvarez Cáccamo, Lino Braxe, Antón Patiño e Hugo Martínez. “Non era un poeta maldito nin tampouco un outsider. O que o distinguía radicalmente dos seus compañeiros de xeración era que el era popular, entendendo como popular contemporáneo o que en música é o rock, algo moi vencellado á súa forma de creación e de concibir o mundo e a poesía, aínda que no medio hai a lectura de poetas alemáns, británicos, españois ou galegos: aos 18 anos estaba lendo a Manuel Antonio, con Rosalía tamén ten un punto de conexión. Moitos compañeiros de xeración non souberon recoñecer nel esa característica. Creo que tiña máis puntos de conexión coa súa xeración do que eles mesmo pensaban, pero cunha singularidade porque as súas fontes de creación eran moi híbridas.”
“Non encaixaba no prototipo de poeta ideal do canon”
Que Lois Pereiro estivese na periferia do canon débese, ao ver de Lopo, a que “o canon é moi clasista e el non encaixaba no prototipo de escritor ou poeta ideal que se propugnaba nese momento para ser o canónico: non era profesor, tiña problemas físicos, dependencias, connotacións que facía que non fose contemplado como un ideal senón difícil de clasificar. Pero non era un señor marxinal, senón fillo da súa época e dun momento cultural”.
Precisamente no seu último libro, Conversas Ultramarinas, o poeta demostra o seu compromiso co seu tempo. “Eu creo que era unha persoa moi política e non creo que poida ser utilizada por ningunha sigla política. Hai moi poucas persoas que fosen politizadas. E Lois Pereiro nunca o podería ser. A militancia política non é unha das características dos escritores galegos: nin Uxío Novoneyra, nin Celso Emilio Ferreirou ou Bouza Brey. Existe unha cultura nacionalista non identificada con ningún partido.”
Con todo, logo da súa morte, a poesía de Lois Pereiro non tivo moita difusión até que se decidiu dedicarlle o Día das Letras. “O que non houbo foi un débito oficial, aínda que aparecera nalgunhas antoloxías. Pero si era un poeta de culto para unha inmensa minoría”, asegura Lopo.
“Esta é a biografía máis novelística”
Antón Lopo experiméntaa nesta obra cun novo enfoque formal da obra, que combina a primeira persoa con entrevistas xornalísticas ou co teatro. “Con respecto ás anteriores biografías esta é a máis novelística”, comenta Lopo. De feito, “os informadores ocupan o primeiro plano, non tanto como Lois Pereiro que é o fío condutor, pero teñen un protagonismo que antes o tiña o biografado estritamente”, explica o autor. Do mesmo xeito, o recente da súa morte -en 1996- sendo tan novo tamén afectou á súa escrita. “Hai que ser máis coidadoso coas palabras porque a cicatriz aínda está sangrando”, admite Lopo. Unha proposta formal que para o autor resultou “estimulante, práctica e rica” porque lle permitiu “construír un poliedro das persoas máis próximas” ao poeta.”
A reportaxe, de Vanesa Oliveira e Patricia G. Fraga, pode consultarse no orixinal aquí.

Os comentarios están pechados.