Publicado ‘Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro’, de Miguel A. Mato Fondo

Publicado en Laiovento o ensaio Transgresión e fraxilidade. Un retrato literario de Lois Pereiro, de Miguel Anxo Mato Fondo:
“Na súa curta obra, Lois Pereiro achegou á poesía galega unha estética moi persoal, cunha carga de ironía, melancolía e convencida tanxencialidade, no gume do marxinal, expresada cunha enorme sensibilidade, desde un discurso poético esencialmente reflexivo.
Con frecuencia tense aludido á súa obra como saída do centro da cultura urbana, mais preferimos pensar que Lois Pereiro estaba á marxe destes parámetros. A súa obra non acepta os lindes do urbano nin do supostamente rural, que non deixan de ser referencias concretas e limitadoras.
Pensamos na linguaxe como eixo central na obra de Pereiro. O poema expresa ou mostra a ferida, o sangue, as feridas do subconsciente, da sombra, mais tamén do sufrimento físico, máis consciente, máis evidente. Especialmente nos poemas do seu último libro, esa cartografía da dor.
A dor está tamén no acto da escrita. E isto aproxímao a Rosalía, na liña máis autorreflexiva sobre a condición e a traxedia da escrita, transgresora e fatal, ambos os dous poetas en conflito e íntimos tormentos.”

Nunha reportaxe no Xornal de Galicia, asinada por A. M., fálase da súa presentación na Coruña:
“O poeta Miguel Mato presentou onte na sede da Agrupación Alexandre Bóveda o seu libro sobre Lois Pereiro, titulado Transgresión e fraxilidade (Laiovento, 2011). “Este é un libro que conforma un retrato literario; nel fíxome en detalles estéticos da súa poesía e tamén da súa figura como poeta transgresor, como poeta maldito”, explica Miguel Mato, escritor que formou parte xunto a Pereiro do grupo poético De amor e desamor. Precisamente con ese colectivo arranca o libro de Miguel Mato quen, ademais, céntrase nos aspectos intelectuais e estéticos de Pereiro. “Comezo cos recitais do grupo e logo céntrome en Lois, no seu compromiso, entendendo este termo como o concepto de compromiso ético e estético que el tiña. A partir de aí entro no tema da transgresión, que lle dá título ao libro”, explica o escritor e poeta.
O libro de Mato non pretende ser unha obra sobre a vida do escritor monfortino, senón que busca amosar unha visión persoal sobre a súa figura. “É un libro sen notas ao pé, sen intencionalidade biográfica, realmente é un ensaio de autor”, explica. Nese texto, o escritor realiza comparacións entre o monfortino e outros escritores malditos. “Quizais ese termo non me gusta, é da literatura francesa”, explica Mato, que engade que el prefire o termo “transgresor”. “El, como Rosalía ou como Añón, era un transgresor. Rosalía e Pereiro eran deses autores que, como cantaba Lou Reed, se movían polo lado escuro da vida”, conclúe.

Os comentarios están pechados.