Xosé Luís Méndez Ferrín: ‘Canteira nova’

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, en Galicia Hoxe:
” (…) “Este ano”, engadiu o presidente, “produciuse un movemento social importantísimo ao redor da figura de Lois Pereiro, con actos e respostas populares de todo tipo. Ata respostas prácticas a nivel de rúa. Pintadas co rostro de Lois Pereiro e poemas seus nas paredes das cidades, anónimas”. Así destacou a “explosión” xerada arredor da figura dun poeta que forma parte dunha xeración “moi importante” que a mediados dos 70 “intentou romper coa monotonía da poesía de carácter realista que dominaba Galicia e España”.
“Conseguiron abrir un camiño novo para a poesía galega”, recordou Ferrín, nunha tendencia significou “unha forma de ruptura, pero existencial”. “O seu poema está ao servizo das vivencias profundas e subxectivas do individuo”.
Esta traxectoria motivou a proposta do monfortino como homenaxeado ó Día das Letras Galegas do ano 2011. “Os criterios son moi variados. Hai quen acentúa máis a importancia da lingua nun autor, outros a importancia social… neste caso o que primou foi o interese por un escritor que se estivese vivo aínda sería novo. O interese por un escritor vivamente contemporáneo e, doutra banda, un poeta importante. Tivo maioría”, sinalou.
Deste xeito, o presidente da RAG describiu ó homenaxeado como un autor “de pequena produción”, un poeta “de culto” que “escribiu para amplas minorías” e cuxa obra está experimentando a súa “popularización” nestes momentos.
Respecto da súa obra, marcada por unha produción escasa en número pero “moi intensa” en contido e expresión, o presidente da RAG destacou que Galicia vive unha época de “explosión” sobre a figura de Pereiro pois, “por primeira vez, edítanse todos os seus poemas xuntos”, os seus textos fragmentarios ou o seu manifesto. “Estamos nunha fase de explosión dunha pequena obra en dimensión que está chegando a todas as partes”, asegura. Así, a Academia vai distribuír un vocabulario “que fixo para televisión” pero que se repartirá “a todos os colexios”, no que o autor plasma “unha definición de Galicia da Á a Z”.
Xa a nivel particular e a pesar de valorar a produción de Lois Pereiro na súa totalidade, Ferrín manifesta a súa preferencia por “os seus primeiros poemas” de mocidade, onde “está presente” ese “frescor” compasado coa vangarda histórica e nos que se nota a pegada e o exemplo de Manuel Antonio”.
O acto central da Real Academia Galega en Monforte terá lugar -despois dunha recepción no Concello- ás 12.15 horas no salón de actos da Casa da Cultura. Nesta sesión plenaria intervirán varias “voces autorizadas e potentes”, como Margarita Ledo, Manuel Rivas, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Luz Pozo Garza e o propio Méndez Ferrín. “Estamos glorificando unha persoa do presente”, subliña Ferrín.”
Pódese consultar a entrevista orixinal aquí.

Os comentarios están pechados.