Xosé Luís Méndez Ferrín: “Nunca as Letras Galegas foron dedicadas a alguén tan contemporáneo”

Crónica no Faro de Vigo da conferencia no Club Faro con Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Bragado, Marcos Calveiro e Xosé Manuel Pereiro, celebrada o luns 9 de maio ás 20:00 horas, asinada por F. Franco:
“”Nunca o Día Das Letras Galegas foi dedicado a alguén tan contemporáneo”, dicía onte Xosé Luis Méndez Ferrín na mesa redonda do Club Faro na que se conmemorou o Día das Letras Galegas 2011. Referíase o presidente da Real Academia Galega, por suposto, a Lois Pereiro, cuxa memoria convocou nunha mesa, ademáis do escritor, a Manuel Bragado, director de Xerais, como moderador, a Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia e irmán do homenaxeado e ao escritor Marcos Calveiro.
No seu limiar dixo Bragado de Lois Pereiro, morto prematuramente en 1995, que legou á poesía galega uns versos de extraordinaria forza e brillante modernidade. “Os seus cento e pico poemas chegáronlle para ser a un tempo unha das voces máis innovadoras da poesía galega de finais do século XX e, como aventurou Manuel Rivas xa en 1993, o clásico que ten a literatura galega sen sabelo”.
Méndez Ferrín suliñou un aspecto: que un poeta que podería ser neto dalgún académico vivo e mesmo o seu fillo sexa o elexido. “¿Non din que este día –dixo– é a ocasión de memoria mortuoria precisamente eses que queren acabar con ela? Pois aquí teñen a un poeta do tempo de xente que, como Reixa ou Chus Pato, aínda terían que esperar moito para ser conmemorados”.
Para Ferrín non hai nada en Pereiro que sexa finxido senón o seu “eu” auténtico, “que as veces mostrase cruelmente pero sempre real. “E Pereiro –afirmou– elixiu o galego como única língoa literaria, sempre foi un poeta monolingüe. Inscríbese nunha tradición na que está Pondal, Rosalía, Manuel Antonio… escribir a literatura en galego sen pasar pola alfándega de Madrid.”
A súa obra poética é para o presidente da RAG “a mostración do atormentado en sí na dimensión amatoria e na propia peculiaridade existencial. Lígase coa de Brais Pinto, co existencialismo… e a medida que avanza na súa curta ascesis depurativa vai acentuando unha radicalidade íntima que se entremezcla cunha contención formal que chega ata o verso medido.Quizais non lle gostaría que eu lle chamara poeta patriótico pero dígoo porque a súa poesía está ligada coa traxedia dun pobo galego condenado a morte sen non o evitamos”.
Antes falara Xosé Manuel Pereiro, que fixo un repaso apresurado pola súa vida (que era na meirande parte a propia), con un humor narrativo irónico e socarrón que lembraba ao. seu irmán. “As nosas raigames son de familia labradora polos catro costados, salvo algunha excepción como un cura francés que acabou casándose e un sindicalista portugués fuxido do seu país que montou un hotel en Casablanca. O noso pai foi abogado e a nai mestra, pero non era a nosa unha casa con especial devoción polas letras. Pero a Lois e a mín gostábanos ler, quizás porque o clima de Monforte non permitía outra cousa. Educáronnos en castelán pero Lois tiña moi craro dende que empezou a escribir que sería en galego”.
De Lois dixo este xornalista que os seus comenzos como poeta tiñan que ver co encontro do planeta muller a os 16-17 anos, que sempre tivo unha intuición de morte quizais porque aos 20 anos tivo a súa primeira dolencia grave e que “tiña un radar especial para detectar todo que fora vangardia. A súa afección pola vangarda está lexitimada por ter unha militancia na lingua. Tamén tiña o radar para comprender, e debuxar, a elegancia… Eu penso que da lectura a obra de Lois non se sae indemne, non eres o mesmo ante que despois. É un escritor de pouca obra e isa foi unha das reticencias para adicarlle o Día das Letras, pero menos tiña Martín Códax”.
Para o xornalista “sempre tivo unha actitude moi radical. Na vida foi sempre moi libre, educado pero rabudo, inconformista, antinormativista. Era pensionista por ser vítima da colza e facía traballos de dobraxe para a televisión, así ía sobrevivindo …”
O orixinal pódese consultar aquí. A foto, publicada no Faro de Vigo, é de José Lores.

Os comentarios están pechados.