Roberto Varela: “Lois Pereiro é un clásico moderno, un grande da nosa lírica e un dos mellores poetas europeos das últimas decadas”

* O conselleiro de Cultura e Turismo presentou hoxe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura os libros ‘Lois Pereiro. Obra completa [ed. bilingüe]’ e ‘Lois Pereiro. Collected Poems’, editados en homenaxe ao poeta monfortino con motivo do Día das Letras Galegas 2011.
* A Xunta de Galicia colabora ademais na publicación da obra ‘Breve encontro’, unha novela gráfica realizada por Jacobo Fernández Serrano e coeditada con Edicións Xerais de Galicia.
* Cultura e Turismo promove ademais un conxunto de iniciativas culturais co obxectivo de difundir a obra de Lois Pereiro neste 2011.  Entre elas, a Xunta organizou unha exposición multimedia sobre o poeta que está a itinerar polas bibliotecas nodais e centros escolares de Galicia. O espectáculo escénico ‘Mundo Lois’ representarase o próximo día 17 no Salón Teatro de Santiago. A súa versión audiovisual será exhibida en bibliotecas públicas, centros de ensino e casas de cultura.
Santiago, 11 de maio de 2011.- A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación dos libros ‘Lois Pereiro. Obra completa [ed. bilingüe]’ e ‘Lois Pereiro. Collected Poems, editados en homenaxe ao poeta monfortino con motivo do Día das Letras Galegas 2011. O acto, celebrado na Biblioteca de Galicia, contou coa participación do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López; o editor de Libros del Silencio, Gonzalo Canedo; e o xornalista Xosé M. Pereiro. Na súa intervención, o conselleiro Roberto Varela definiu a Lois Pereiro como “un clásico moderno, un grande da nosa lírica –digno herdeiro de Rosalía, Manuel Antonio ou Novoneyra–, é un dos mellores poetas europeos das últimas décadas”.
En palabras do conselleiro, Lois Pereiro foi “un poeta capaz de extraer arte da permanente ameaza da morte, ou, o que é o mesmo, foi quen de facer agromar a beleza combatendo a dor”. Para Roberto Varela, Lois Pereiro pode cualificarse como “o bardo dunha xeración enteira de galegos e contribuíu como poucos a renovar a lírica da nosa terra”. Asemade, o responsable de Cultura e Turismo afirmou que a obra de Pereiro é “universal, porque fala con voz moi clara de sentimentos que non coñecen fronteiras: a vida, o amor, a enfermidade, a dor, a morte”.
Segundo o  conselleiro, o volume bilingüe presentado hoxe, prologado por Pere Gimferrer e traducido por Daniel Salgado, e a edición en inglés, que conta coa tradución de Jonathan Dunne, son “unha mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa difusión da obra de Lois Pereiro”. A edición destes dous libros, máis a próxima publicación da novela gráfica Breve encontro sobre a vida de Pereiro, a exposición itinerante interactiva que achega a figura do escritor polas bibliotecas de toda Galicia, a colaboración co espectáculo escénico Mundo Lois, e a participación na páxina web oficial do autor enmárcase, segundo Varela, “no conxunto de iniciativas que estamos a levar a cabo neste 2011 para celebrar a Lois Pereiro”.
Neste sentido, Roberto Varela sinalou como “un privilexio” para a Consellería de Cultura e Turismo “poder contribuír a espallar o legado de Lois Pereiro, en Galicia e no resto do mundo, porque a súa obra, escrita integramente en galego, é unha obra de linguaxe e lucidez universal”. “Queremos sumarnos á homenaxe ao poeta co convencemento de que a mellor forma de facelo é axudar a que a súa obra sexa coñecida, lida e estudada, e coido que é de xustiza que nós recoñezamos e divulguemos a absoluta beleza da obra que el nos legou”, engadiu.
Propostas editoriais
A Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de difundir a obra do poeta monfortino participa na edición de tres libros sobre a súa vida e obra. O primeiro deles é a Obra completa. Edición bilingüe de Lois Pereiro, coeditada con Libros del Silencio, co prólogo de Pere Gimferrer, cunha introdución de Xosé Manuel Pereiro, e a tradución ao castelán de Daniel Salgado. As fotografías do autor de cuberta e interior son de Vari Caramés e Nacho Santás, e a ilustración da cuberta de Antón Patiño. Esta obra de 750 páxinas inclúe os libros Poemas para una loia, Poemas 1981-1991, Poesía última de amor y enfermedad (1992-1995), Náufragos del paraíso, Modesta proposición para renunciar a hacer girar la rueda hidráulica de una cíclica historia universal de la infamia e Conversación ultramarina.
A Xunta de Galicia xunto a editorial Small Stations coeditan a Lois Pereiro Collected Poems, en lingua inglesa. A tradución realizouna Jonathan Dunne, tradutor de gran prestixio e cunha sólida traxectoria no mundo anglófono. Este volume recolle os tres poemarios legados polo poeta: Poemas 1981-1991 (1992), Poesía última de amor e enfermidade (1995) e Poemas para unha Loia (publicado postumamente, en 1996). Segundo a descrición do propio Jonathan Dunne, “son 110 poemas que revelan ao lector de fala inglesa o mundo poético de Lois; el xa era universal, a edición inglesa só serve para confirmar este feito”.
A terceira publicación é Breve encontro, unha novela gráfica sobre a vida e a obra do poeta, realizada por un dos creadores gráficos galegos máis importantes do momento, Jacobo Fernández Serrano, e en coedición con Edicións Xerais de Galicia.
Iniciativas multimedia
A Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria xunto ao equipo de Ouvirmos, organizan polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de Galicia a itinerancia dunha instalación multimedia sobre Lois Pereiro que rende homenaxe ao poeta monfortino e permite achegarse dun xeito dinámico e innovador á vida e á obra do autor. Un gran muro estático, de 2 metros de alto e 3,5 de ancho, mostra unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhibirán en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta. A exposición inclúe unha pantalla multitáctil de 46” que presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta  de catro apartados: ‘Fotobiografía’, ‘A voz do poeta’, ‘Xogando coas palabras’ e ‘A música’.
A Consellería de Cultura e Turismo colabora na celebración do Día das Letras Galegas 2011 no espectáculo escénico Mundo Lois, unha idea orixinal de Antón Reixa interpretada por Lino Braxe e Antela Cid. A obra, que pretende universalizar o coñecemento de Lois Pereiro, reperesentarase o vindeiro martes 17 no Salón Teatro. En virtude desta colaboración, a versión audiovisual do espectáculo será exhibida en bibliotecas públicas, centros de ensino e casas de cultura.
Do mesmo xeito, a Consellería de Cultura e Turismo mantén o seu apoio á páxina web oficial de Lois Pereiro: un lugar de referencia onde as persoas interesadas na súa obra e biografía poden procurar os contidos propios e inéditos  sobre a súa figura. Tamén pode ser utilizada como plataforma de visualización en directo de eventos relevantes vencellados á homenaxe do escritor mediante a técnica de emisión en streaming.

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

Os comentarios están pechados.