‘A Universidade de Santiago dedica un volume a homenaxear a Pereiro’

Publicado en Xornal:
“Soubo cantar coma poucos o vínculo entre o amor e a enfermidade”. Así lembraba onte o reitor Juan Casares Long ao poeta monfortino Lois Pereiro, a quen se lle de dedica este ano o Día das Letras Galegas, no acto literario que a Universidade de Santiago de Compostela celebra cada ano. Asistiron tamén o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, e numerosas autoridades académicas e membros da comunidade universitaria.
Facía o reitor un breve recordatorio dos libros de poemas de Lois Pereiro, dos publicados en vida e dos póstumos, da novela Náufragos do Paradiso, e destacaba a Conversa ultramarina, considerada o seu último libro, na que continuaba a tentativa lanzada no manifesto Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Conversa ultramarina, “unha mensaxe lanzada ao grande océano do mundo” é unha carta de amor a unha muller “que se converte, por obra da literatura, nunha carta que Lois Pereiro nos escribe a cada un de nós”, dicía o reitor.
Como vén sendo habitual nestes últimos corenta anos, o Departamento de Filoloxía Galega súmase a esta celebración coa edición dun volume, Lois Pereiro. Día das Letras Galegas 2011, que presentou o seu director, o profesor Francisco Cidrás Escaneo. Coordinado María Xesús Nogueira e Anxo Tarrío e editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, o libro describe o poeta monfortino como unha figura “directamente relacionada coa cultura underground dos anos 70 e 80”.
O volume compila seis artigos que dan conta da vida e obra dun poeta “singular, interesante e complexo”. Así, María Xesús Nogueira Pereira afonda na figura do autor a través das súas entrevistas mentres que Antía Marante Arias, no artigo Lois Pereiro: o outsider acompañado fai unha detallada análise da produción “dun dos poetas do sistema literario galego máis vangardista e cosmopolita”. Como resistir? Algunhas reflexións ao fío da Modesta Proposición de Lois Pereiro é o título do traballo de Iria Sobrino Freire.
O catedrático Anxo Tarrío, que durante o acto fixo unha semblanza do poeta, colabora neste volume co artigo Lois Pereiro: calvario, morte e resurrección dun punk-dandi (ensaio) no que mostra a faceta máis biográfica do autor que tanto marcou a súa obra. Pechan o volume Carme Silva Domínguez que analiza as outras linguas na poesía do homenaxeado e un traballo, A recepción de Lois Pereiro (1996-2010), de compilación bibliográfica de e sobre Pereiro a cargo das responsables dos Informes de Literatura Blanca-Ana Roig Rechou, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo e Esther de León Viloria.”
Publicado o 14 de maio. O orixinal pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.