‘Non era tan oculto’, artigo en Galicia Hoxe

“Non era tan oculto”, artigo en Galicia Hoxe, publicado o luns 16 de maio.

“Xosé Manuel Pereiro reivindica a seu irmán como o homenaxeado do Día das Letras “que máis celebración” está a conseguir por parte da sociedade galega.
Xosé Manuel Pereiro, irmán do autor que se homenaxea no Día das Letras, lembrou onte ao poeta como un novo “tímido” que finalmente se transformou na “explosión poética” gabada por Méndez Ferrín. Agora recórdao como “un auténtico relacións públicas” e reivindícao como o homenaxeado “que máis celebración” está a conseguir por parte da sociedade.
No seu día, tras a decisión da institución académica de dedicarlle o Día das Letras a este “rupturista” do estilo realista que predominaba no xénero a mediados dos 70, o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, valorou esta “valente” homenaxe ao poeta monfortino que “recoñece” o mérito literario do autor máis alá do uso do idioma galego.
“Unha aposta” que, na súa opinión, pode “facer ver” que a literatura galega “non é algo endogámico”, senón “toda unha polifonía” na que cabe unha ampla gama de textos, dende os máis clásicos aos máis vangardistas.
Meses despois o tamén presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia destacou ao seu irmán como o autor que “posiblemente está a ter máis celebración por parte da xente, por parte do público” e, sobre todo, “con iniciativas creativas individuais” que demostran “que a súa obra non era tan oculta, como pensaban outros círculos intelectuais”.
“Quería escribir dende novo. Era poeta en esencia pero pouco lle interesaba selo en presenza. As circunstancias da vida conseguiron reafirmalo nesas primicias iniciais. Rebeldía ante o lado amable da vida”, explicou nunha entrevista concedida a Europa Press.
Un neno “tímido” que se descubriu nun novo con inquietudes artísticas e fanático de Bowie ou King Crimson, “moi falador” e “auténtico relacións públicas”, participante de debates e faladoiros sobre cinema. En 1975, trasladouse a Madrid para estudar Socioloxía, carreira que abandonou no primeiro trimestre tras a morte de Franco e que motivou un breve regreso a Monforte antes de voltar á capital en plena Transición democrática.
Foi nese contexto no que Pereiro se somerxeu na oferta cultural da cidade, dende concertos, filmotecas, ata recitais, e no que entrou en contacto con creadores e intelectuais do talle de Manuel Rivas, Reimundo Patiño, Antón Patiño, Menchu Lamas, ou Fermín Bouza, cos que impulsou xunto ao seu irmán a revista Loia, unha publicación manifesto que se estendeu catro numeros.
“Era un auténtico relacións públicas e un observador”
“Téndese a pensar que a súa vida era como a súa obra, que non pasa precisamente polo lado máis amable da literatura. Pódese pensar que a súa vida era así, unha especie de protagonista da saga Crepúsculo, e en absoluto. Era divertido, moi irónico, amigo dos seus amigos e das súas amigas. Nese sentido, un auténtico relacións públicas, con bastante paciencia, e un observador moi analítico da realidade que o rodeaba”, sinalou Pereiro.
Nos anos oitenta, a súa saúde comezouse a deteriorar a causa dunha intoxicación masiva por aceite desnaturalizado de colza, que afectou a máis de 17.000 persoas e matou 400, segundo detalla a versión oficial. En 1994, a súa experiencia “ao bordo da morte” derivou en libros dos “máis duros e descarnados da literatura galega”, Poesía última de amor e enfermidade.
O “existencialista” e renovador da poesía galega faleceu poucos meses despois nun cuarto do hospital da Coruña, o 24 de maio de 1996, e na actualidade, a sociedade galega vive o “recoñecemento póstumo” ao autor monfortino, acompañado dunha “explosión” de exposicións, música ou pinturas impulsadas por “persoas anónimas”, que pintan os seus poemas e o seu rostro nas paredes das cidades.
Por outra parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará aos países de Europa e América onde existen centros de estudos galegos unha exposición composta por 15 carteis sobre o escritor monfortino. A través dos máis de 40 centros de estudos galegos da secretaría xeral, a obra e a vida de Lois Pereiro difúndese con esta exposición en España, Alemaña, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Arxentina, Brasil, Chile, Cuba, Estados Unidos, México e Uruguai.
A mostra titúlase Lois Pereiro e as artes da palabra. Rúa da poesía, poesía da rúa, un dos traballos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2011 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que participaron numerosos centros educativos de Galicia. Os carteis desta exposición e mais os da premiada na categoría de educación infantil e primaria están accesibles neste enderezo.”

O artigo orixinal pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.