Crónicas da sesión especial da Real Academia Galega en Monforte o 17 de maio

Crónica dos actos da Real Academia Galega en Monforte, o 17 de maio, en Galicia Hoxe (a foto sae nesta nova, e é da autoría de Ana Varela):
“Os versos de Lois Pereiro resoaron onte en Monforte, na boca de Xosé Luís Méndez Ferrín, coa súa brutalidade rebelde no punto culminante do Día das Letras. Ferrín pechaba así a sesión extraordinaria da Real Academia Galega (RAG) na cidade onde Pereiro naceu en 1958, onde coñeceu o amor e onde escribiu os seus primeiros versos. A sesión, que estivo precedida por unha recepción na Casa do Concello monfortino e un paseo polas rúas ata a Casa da Cultura, comezou pouco despois do mediodía con Manuel Rivas amigo do poeta e impulsor da súa candidatura ante a RAG. Nun discurso apaixonado, Rivas salientou en Pereiro a súa valentía pero, sobre todo, a súa audacia por pasar ao outro lado do espello, “ao azougue, ao descoñecido, ao oculto”.
Ante un salón ateigado de público e co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañando á xunta rectora da RAG na cabeceira, Rivas referiuse ao”radicalismo ético e estético” de Pereiro, á súa aposta por dicir o que non se pode dicir, cunhas “palabras que son tan verdadeiras que parecen pecado” . “Un país e un pobo”, engadiu, “defínense tamén polo que homenaxea”, e por iso valorou a decisión da RAG en favor dun poeta no que “cada liña é unha caligrafía punzante da lírica”.
Co fío condutor de Modesta proposición -un ensaio escrito por Pereiro en 1995 cun forte compromiso político-, Rivas indicou que xa aí se recvelaba o seu poder visionario fronte á “superstición” do progreso infinito que fornece a sociedade do consumo. Tamén tivo tempo Rivas para destacar o labor do editor de Positiva Paco Macías que sacou á luz os dous poemarios publicados en vida por Pereiro. Tras remarcar que o corpo de Lois “é un corpo de rei, fermoso con enigmas”, Rivas agradeceulle a Lois deixar o “seu pan” aos presentes, que identificou co seu legado.
As perspectivas de Pereiro ampliáronse coas intervencións sucesivas de Margarita Ledo Andión -que indagou nas referencias culturais da obra pereiriana-, Darío Xohán Cabana -que gabou a decisión da Academia neste 2011-, Antón Santamarina -que analizou o léxico e os recursos lingüísticos do poeta- e Luz Pozo Garza.
As palabras de Ferrín agradecendo a colaboración do Concello da “cidade libre de Monforte” e o Himno galego -executado pola Banda de Gaitas monfortina- serviron como colofón ao acto académico.”
De Galicia Hoxe, publicado o 18 de maio. A edición orixinal pódese consultar aquí.

En Xornal de Galicia, a crónica ven asinada por Alberto Ramos, baixo o título: Rivas: “Cada palabra de Lois era unha vitoria da humanidade sobre a morte” (a foto é de I. L.):
‘”Un país, un pobo defínese polo que homenaxea e por a quen honra”. Así iniciou o seu discurso o escritor Manuel Rivas no plenario extraordinario que celebrou a Real Academia Galega en Monforte para render tributo, en representación de todo un pobo, a Lois Pereiro. Nun sentido relatorio, o académico lembrou o seu amigo e gabou a figura dun autor cuxa obra é un cántico á vida sobre a morte. “Cada un dos versos de Lois, cada poema, cada palabra –o que el chamaba balas de desexo– podemos velas como u­nha vitoria da humanidade contra a morte”. Rivas explicou ademais que esa morte non era só unha morte física. “Hai outra morte, a indiferenza, a suspensión de conciencias, a morte que esmaga a diversidade dos pobos”, sentenciou.
O autor d’O lapis do carpinteiro, considerado o gran impulsor de que a Academia lle dedicase este Día das Letras Galegas, foi o primeiro en intervir no plenario que se celebrou nunha Casa da Cultura desbordada e chea de autoridades. Rivas remarcou que da loita entre “o eros e o tánatos” emanaba a obra de Lois Pereiro. “El díxolle á morte, cara a cara, en nome propio e da patria invisíbel, fuck off”, proclamou Rivas entre aplausos.
O escritor, que tivo tempo ao longo do discurso para lembrar a importancia de Piedad R. Cabo e do editor Francisco Macías na vida de Pereiro, reflexionou tamén sobre a poética do monfortino. “As palabras de Lois son tan verdadeiras que parecen pecado”, dixo o escritor, que definiu a poesía de Pereiro como “unha obra radicalmente nova”.
O discurso de Rivas foi un dos momentos máis emotivos do plenario da Academia, no que tamén interveron os acádemicos Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Luz Pozo e Antón Santamarina. Todos eles foron presentados polo presidente da institución, Méndez Ferrín, que quixo agradecer na súa intervención a acollida recibida por parte dos veciños. “Grazas á cidade libre de Monforte, dende a que se proclamou a incorruptibilidade de Galiza como nazón en 1918”, sinalou Ferrín.
A intervención de Margarita Ledo centrouse primordialmente a analizar o pensamento e as influencias literarias de Pereiro. Nun discurso inzado de referencias, a académica lembrou a repercusión que tivo na obra do monfortino autores como Thomas Bernhard ou Brecht. Pola súa banda, Antón Santamarina centrouse no Pereiro políglota e universal no seu discurso e chamou a atención sobre a diversidade idiomática do autor para concluír logo sinalando que o seu galego “era u­n­h­a lingua feita de lecturas”.
Darío Xohán Cabana, pola súa banda, dedicouse á análise poética e insistiu na idea de que Pereiro era un autor de minorías e de culto. “Case todos os poetas son para pouca xente. Pereiro non era unha excepción, como calquera podería ver na modestia da súa fortuna editorial ou na súa escasa presenza en librarías”, dixo Cabana quen ademais insistiu que a súa obra “non era para adolescentes”, xa que para entender a súa poesía “fai falla sufrir”.
Ademais, os asistentes ao plenario puideron ler o especial que Xornal de Galicia preparou sobre Lois Pereiro. Máis dun cento de exemplares foron repartidos na Casa da Cultura de Monforte.
Pouco antes do plenario da Academia, o Concello de Monforte acolleu o primeiro acto de homenaxe da xornada. O salón de plenos do consistorio quedou pequeno ante a afluencia. Todos os académicos compartiron bancadas cos familiares de Lois, os veciños e as autoridades que asistiron ao acto. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela; o conselleiro de Educación; Jesús Vázquez, ou o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, foron algúns dos persoeiros que acudiron ao Concello. O presidente da Xunta, Núñez Feijóo; e o alcalde da localidade, Severino Rodríguez, presidiron un acto no que o irmán de Pereiro, Xosé Manuel, converteuse no voceiro da familia. “Non hai tempo na vida para dar suficientemente as grazas. Grazas á sociedade galega”, dixo Xosé Manuel, que engadiu que “este ano foi un bo ano para as letras galegas”.
Pola súa banda, Severino Rodríguez explicou –antes de distinguir a nai de Lois Pereiro, Inés Pereiro, cun ramo de flores– que a poesía e a visión do amor do poeta “non son o seu único legado”, xa que o autor “sempre foi un referente ético”. Severino Rodríguez, ademais, lembrou que hai sete anos pedira a Academia que se lle dedicara o Día das Letras a Pereiro e sinalou para o futuro o nome dun monfortino de adopción para o 17 de maio do 2015: o poeta Manuel María.’
Tamén se pode visualizar esta galería fotográfica no mesmo Xornal.

Un comentario to “Crónicas da sesión especial da Real Academia Galega en Monforte o 17 de maio”

  1. […] colaboración do Concello de Monforte de Lemos, na honra de Lois Pereiro», que tivo lugar o pasado 17 de maio de 2011, realizado por […]