‘Nova York súmase á homenaxe á poesía de Lois Pereiro’

Crónica publicada por Tatiana López en La Voz de Galicia (a foto coa que se ilustra a nova é a dun retrato de Lois feito por Maximiliano López, no Instituto de Monforte):
‘Conta Xosé Manuel Pereiro, xornalista e irmán do protagonista do Día das Letras Galegas, que o seu irmán Lois “sempre tivo claras tres cousas na súa vida: que escribiría en galego, que sería poeta e que morrería novo”. Lois Pereiro cumpriu as tres e en 38 anos de vida escribiu máis de cen poemas, todos eles en galego. Uns versos que, desde o domingo e ata o pasado martes (madrugada de onte en España), soaron por primeira vez en Estados Unidos no acto que a Casa de Galicia de Queens dedicou a este poeta nacido en Monforte de Lemos.
O propio Xosé Manuel, quen viaxou a Nova York para participar na homenaxe, foi o encargado de repasar a vida dun artista que, a pesar da súa fama de poeta maldito e de autor de culto, “gozaría con estas homenaxes, talvez especialmente con este aquí, no estranxeiro, porque o tema do emigrante está moi relacionado coa nosa cultura”.
Roberto Blanco, director cultural desta institución, asegurou que a obra de Pereiro era ata agora pouco coñecida entre os emigrantes de Estados Unidos, “pero ten tanto poder que é imposible non deixarse cativar”. Recentemente, traduciuse ao inglés unha antoloxía de poemas de Lois Pereiro, o que, segundo Blanco, contribuirá de forma decisiva á súa difusión.
Por outra banda, o pasado sábado 14 de maio celebrouse no Centro Galego de Lima unha homenaxe a Lois Pereiro, un acto que estivo presidido polo embaixador de España en Perú, o coruñés Javier Sandomingo.’
O orixinal foi publicado o xoves 19 de maio e pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.