‘Á utopía pola sabotaxe’, por Héctor J. Porto

Artigo de Héctor J. Porto publicado no Suplemento Culturas de La Voz de Galicia:
Pereiro deixou un manifesto a favor da insubmisión, da crítica, un manual para tentar superar o pesimismo ao que o levaba a razón.
Semella que un poeta de inclinación confesional, entregado ao amor e á enfermidade, ás tensións da vida e a morte, letraferido coma Lois Pereiro non ten por que ter conciencia política. Nada máis lonxe da realidade: aínda que o escritor prefira o underground neoiorquino ao folk de raíz céltica, ou Carver a Castelao, aínda que fuxa de axitar cobizadas bandeiras e consignas trilladas, Pereiro é todo compromiso, conciencia cívica, insubmisión, xa mesmo no seu verso. Non só coa defensa do idioma, a terra, a cultura –e a pesares do seu sentido do fatalismo–, senón, e sobre todo, coa ansia dun mundo máis xusto e a perspectiva tímida de melloralo.
Proba indeleble diso tópase no seu ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, que apareceu en 1996 na revista Luzes de Galiza –foi a súa última publicación en vida–, recuperou en 1997 Espiral Maior –como posfacio aos poemas de Loia– e agora encabeza a escolma Modesta proposición e outros ensaios preparada por Xerais.
Houbo quen quixo lexitimar o seu carácter visionario emparentando este texto co Indignádevos! de Stéphane Hessel ou coas revoltas que axitan o mundo árabe. Pode ser. Pero o manifesto de Lois Pereiro non precisa dun novo fito sociolóxico que o actualice porque tanto dende o punto de vista íntimo como do político o seu berro vitalista e rebelde “contra un mundo inxusto, homicida e cruel” –a metade de camiño entre o punk e Kropotkin, entre Lou Reed e Orwell– segue a ser válido. Pereiro chama ao lector a elevar “o nivel da súa propia e durmida conciencia e a súa capacidade de indignarse e sentir noxo”, a se levantar en favor das vítimas, da utopía, da verdade, da beleza. “Quen desexe realmente facer algo, a medida das súas forzas, talento ou influencia, que se poña xa mans á obra e axude a exercer a sabotaxe”. Por iso, contra a tentación da indolencia volve advertir: “Non nos poden coller desprevenidos, nin inxectarnos filosofías light, ben asumibles e absorbibles coas que seguir apacentando as nosas conciencias xenerosas e sentimentais”. Así, ¿renderse?, nunca. Fronte aos golpes, as desilusións, as traizóns, as decepcións que colecciona a vida, confesa: “Nunca perdín despois de tantos anos esa necesidade de sentirme molesto e radical”. Si, unha necesidade fondamente subversiva que xa fi xera patente naquela peza a modo de epitafi o que pecha o volume Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995: “Cuspídeme enriba cando pasedes / por diante do lugar no que eu repouse / enviándome unha húmida mensaxe / de vida e de furia necesaria”. Porque “a verdadeira Poesía nunca minte, por ferinte que sexa”, Loisón, coma un gozoso Boris Vian calquera, cuspirei sobre a túa tumba.

Héctor J. Porto.’

Publicado a semana das Letras Galegas, o orixinal pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.