‘O rapaz que dicía a Baudelaire na disco’, por Santiago Jaureguizar

Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso (a foto provén do mesmo artigo):
LOIS PEREIRO debía de intuír a súa proxección futura na cultura galega porque, sendo un rapaz, escribiu a súa autobiografía: ”Nunca escribirei en castelán. Vou ser como Manuel Antonio, publicarei un libro e morrerei novo”, adiantoulle un día a Piedad Cabo, que empezaba a ser a súa moza, no xardín da Compañía monfortina.
Pouco se enganou porque a súa obra está plasmada en galego soamente. Non hai dúbida de que igualou en vontade ser moderno e en calidade ao seu modelo, viu editados dous libros en vida (Poemas 1981-1991) e Poesía última de amor e enfermidade) e finou aos 38 anos, en 1996.
O editor de Positivas, Francisco Macías, afirma que ”o galego, que é a lingua persoal de Lois, é tamén a lingua que emprega para falar da súa intimidade e reproducir as súas reflexións, o seu diálogo consigo mesmo e coa súa obra”.
O seu irmán, Xosé Manuel, aclara que ”a nós educáronos en castelán, pero o río do que viñamos, que era Santa Cristina do Viso, no Incio, era o galego. Para el foi unha opción natural que escolleu malia que no seu círculo de relación non eran galegofalantes”.
La Galaica
O seu avó edificara unha casa na rúa de Ourense, nos anos 50, erixindo o núcleo para os Pereiro. Aquela casa era o hábitat familiar, pois alí residían con el os pais, Manuel e Inés, e máis os irmáns, Xosé Manuel e Inés, e tamén o hábitat laboral, pois no baixo estaba ‘La Galaica’, a cristalería paterna.
A maiores, o edificio serveu de sementeira cultural, grazas ao espazo que ocupaban os irmáns Raíces, uns rapaces que apañaban en Inglaterra os discos improbables de atopar noutros lugares.
Con quince anos, a música e o cinema xa ampliaban as miras de Pereiro. Como indica Lopo, ”o que o distinguía radicalmente dos seus compañeiros de xeración era que el era popular, entendendo como popular contemporáneo o que en música é o rock, algo moi vencellado á súa forma de creación e de concibir o mundo e a poesía, aínda que no medio hai a lectura de poetas alemáns, británicos, españois ou galegos: aos 18 anos estaba lendo a Manuel Antonio. Con Rosalía tamén ten un punto de conexión”.
A cultura musical da altura estaba liderada por Karina, pero, como destaca Xosé Manuel Pereiro, ”Lois foi o primeiro que tivo un disco de ‘Joy Division’ en Monforte, e os seus amigos escoitaban a David Bowie ou a ‘Velvet Underground’ cando eses discos non estaban nas tendas e os traía alguén que ía ao Reino Unido ou a Madrid”.
”Era nesa época cando el recitaba a Rimbaud e Baudelaire ao oído das rapazas para impresionalas”, comenta o seu irmán e confirma unha amiga da altura, quen lembra escoitalo na discoteca Xolda repetindo en francés os poemas que aprendera de memoria para reclamar a seguir un bico como pago.
Non soamente recreaba as composicións dos simbolistas galos, tamén escribía as súas pezas para agasallar ás súas compañeiras de instituto, aínda que despois llelos reclamaba ”para poder corrixilos. Era unha persoa moi curiosa, moi ordenada e moi perfeccionista”, observa Xosé Manuel.
Siameses
Piedad empezaba a ser importante daquela para o poeta e nunca cesou de selo. O biógrafo Antón Lopo sinala que ”o seu concepto de amor vai máis alá do que hoxe é moderno para converterse nunha radicalidade que caracteriza tamén a súa obra, que o leva a amar máis alá do tempo de cando o amor se esgota”. Non dubida o escritor de que ”o peso de Piedad en Pereiro é central: dende o seu primeiro verso ata case o último xorden porque Piedad existe”.
Despois de frecuentala un tempo en 1974, un Lois de 16 anos con marcadas dotes para a proxección no porvir, confirmara a súa sospeita de que aquela rapaza do barrio da Estación era a súa ”siamesa”. Dúas décadas despois, matizou que ”non somos siameses, pero ti tes a miña alma e eu a túa”, nunha carta que lle remitiu uns meses antes de finar. Aínda pouco antes de morrer, Lois rememorou o intercambio de ensinanzas resumíndoo: ”Ti descubríchesme a Chéjov e eu descubrinche a Faulkner”.
Malia toda a gravidade que transmite a imaxe que proxecta o personaxe, Piedad Cabo achega unha nova dimensión de Pereiro en conversa con Antón Lopo para a biografía A palabra exacta. ”Lois era un cachondo e gozaba coma un neno con aqueles coches que podían voar nos atascos, cos bolígrafos pistola, cos reloxos que transmitían imaxes, o zapatófono do axente 86, confésalle.
Diálogo
Rematado o Bacherelato, Lois Pereiro acude a Madrid para estudar Ciencias Políticas e Socioloxía, impresionando aos seus profesores coa icona dun rapaz de 18 anos coa revista Cuadernos para el Diálogo baixo o brazo. Nese mesmo curso decide que a carreira non lle interesa, porque o que lle interesa é Piedad e regresa a Monforte. Asemade descubre que a xestión dun negocio tampouco o motiva e ponse a traballar onda os peóns que elaboraban cristais e espellos.
Entre cristais -”no medio da materia máis dura e máis fráxil, como é o cristal”- Manuel Rivas coñece a Lois Pereiro. Xosé Manuel preséntallo e, canda a persoa, preséntalle un referente intelectual. O novelista confesa que ”Lois ía sempre por diante. Aprendimos algo daquela. Non había que preocuparse polas modas. O que debiamos facer era seguir os pasos de Lois. Escoitar a súa música, ler os seus libros, mirar as súas películas”.
O poeta vai buscar a Piedad cando sae do instituto con tanta puntualidade como a que ten para regresar á casa á dez da noite para cear onda a nai. Disque leva as mans cubertas de tiritas que tapan as fendas que se provoca manexando cristais e un libro no peto traseiro do vaqueiro.
Xosé Manuel continúa en Madrid, o que permite ao seu irmán regresar de cando en vez. Piedad Cabo ofrece unha clave para comprender en toda a súa dimensión o que ese fío coa capital española representaba para Lois. ”No século XXI podes ser moderno nun curso acelerado de internet, pero no franquismo, na afogante ditadura que aburría ata os nosos avós fascistas, a información resultaba un ben escaso”, dicía.
A moza remata os estudos en 1976 e vai estudar Xornalismo a Madrid. Canda ela, viaxa Lois para usar a cidade como plataforma para abrirse ao mundo. Respondendo a esa sede, matricúlase na Escola Oficial de Idiomas.
Norte
Pasados tres anos, Piedad e Lois sitúanse no andén de saída da Estación do Norte de Madrid cunha maleta chea de libros e comezan a viaxe no InterRail un que define as súas vidas: sempre cara ao norte. Percorren Francia e Gran Bretaña tras as andainas de Gertrude Stein, Yeats, Joyce, Dylan Thomas, Flaubert, Verne,… e en Edimburgo, os punks.
Toda viaxe ten a súa fin, pero a Lois madrugoulle o remate. Con 23 anos cae vítima da intoxicación do aceite de colza e regresa a Monforte. Como se asumise entregarse á morte, sucumbe tamén ao consumo de heroína. O escritor sabía ben a altura do precipio polo que se lanzaba. Iago Martínez refire en Lois Pereiro. Vida e obra que advertira ao amigo Fernando Saco sobre as consecuencias desa droga valéndose dunha canción na que Neil Young laiábase de que lle quitara os mellores amigos. ”Todo o que vexo está destinado a sobrevivirme”, asinou como sentenza nunha oportunidade.
Kung Fu
En 1984 vai vivir á Coruña, co irmán. Á volta dun ano fina a relación inesgotable con Piedad. O camiño que se lle abre daquela será laboral. Leva á práctica os seus coñecementos de linguas con traducións de series como ‘Kung Fu’ e ‘Dallas’ para a TVG.
Nos anos seguintes, realiza una serie de viaxes por Europa como se quisexe prepararse emocionalmente para o curto futuro que agardaba, inevitablemente, por el. A sida leváo con carácter de urxencia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en 1994.
Deixa de inxectarse heroína e colle pulo para escribir unha carta tan longa que ten vocación de eternidade. Diríxella a Piedad, a xeito de epílogo de toda a súa obra, que a ten tamén por destinataria.
O centro sanitario muda nun lugar habitual para el, pero non cesa na súa actividade literaria, que proseguiu ata o pasamento nese lugar, o 24 de maio de 1996.
Meses antes ofrecera o seu derradeiro recital nun pub. Entre lectura e lectura, sitúa as súas coordenadas para vivir no alén: ”Teño un xardín alí no Incio, na casa dos meus antergos, e un bo lugar cunha boa vista no cemiterio”.
Aquela noite -”coa morte asumida como parte desta vida”-, Pereiro sinalou que se botara a escibir poemas de amor. Iago Martínez recrea esa derradeira comparecencia, que define o seu estado. ”Como unha sombra, que eu penso que xa é algo xenético, quizais do lugar no que nacín, desas terras malas, xa sabedes, desas ‘badlands’ de Monforte; cheas de néboa, de soedade, de dureza, de fumes ferroviarios”.

Cada mañá dos días compartidos en Madrid, Lois traza a folla de ruta de películas ou actuacións suxestivas. Pola tarde ambos os dous frecuentan a Filmoteca, a embaixada norteamericana ou as delegacións culturais francesa e alemá para mirar filmes, ou as salas de concertos, onde escoitou a The Clash, Lou Reed ou John Cage.
Galegos en Madrid
Bebe ansiosa e felizmente de toda canta fonte de modernidade e cultura atopa para, xunto co irmán, Manuel Rivas, Fermín Bouza ou Antón Patiño, destilar os coñecementos e as emocións na revista Loia. Rivas explica sobre esa publicación a ciclostil que ”era tan subterránea que estaba escrita en galego no Madrid dos anos 70”.
Poemas 1981/1991
O autor explica que o seu primeiro libro individual, Poemas 1981/1991, trátase dunha ”especie de antoloxía” porque recolle composicións ben diversas de temática e estilisticamente. María Xesús Nogueira apunta en Dicionario Lois Pereiro que a súa xénese cadra coa intoxicación por colza. Para esta experta, este libro é ”un descenso aos infernos desde a renuncia ao sentimentalismo e desde un distanciamento que por veces se volve irónico”.
1992
Pasarían tres anos ata que apareceu o segundo volume da súa obra, Poesía última de amor e enfermidade, publicado meses antes de morrer. O autor explica este volume nun texto que fai referencia a esta circunstancia. ”Estes novos poemas, escritos máis que nunca nos dominios da urxencia, están escritos pola necesidade de expresarme ou para desactivar unha posible nostalxia dunha morte anunciada”, apunta. Tras o seu pasamento, van aparecendo obras que recompilan as súas pezas e recuperan textos soltos ou inéditos. O primeiro deles foi Poemas para unha Loia, editado por Espiral Maior en 1997.”

O texto orixinal, publicado o 16 de maio, pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.