‘Contra a conformidade e a resignación’, de Manuel Rodríguez Alonso

Post de Manuel Rodríguez Alonso no seu blog, Bouvard e Pécuchet:

‘Dentro da obra prosística de Lois Pereiro cómpre salientar o seu ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia, que temos a sorte de ver publicado no libro Modesta proposición e outros ensaios, Xerais, 2011. Alguén dixo por aí que o homenaxeado das Letras Galegas se adiantou en varios anos a propostas agora tan exitosas como é a do panfleto (enténdase panfleto no sentido positivo de obra curta para loitar contra a incultura e a tiranía) Indignádevos!. E, a fe, que acertou.
Neste ensaio, Pereiro anímanos a seguir loitando para conseguir unha socidade mellor e non hai por que aceptar que este capitalismo consumista e de ficción que agora temos sexa a única organización posible para unha sociedade desenvolvida e moderna. Pereiro sinala atinadamente que o sistema capitalista actual xa non nos domina pola forza ou pola violencia, senón sutilmente a través da propaganda que corre polos medios audiovisuais ou polas autoestradas da información. A lección interesada dos medios e do sistema é que este capitalismo será malo, mais non hai outra cousa mellor. Pereiro anima a resistir e a opoñerse á idea de que esta sociedade é o mal menor, aínda que esta idea xa non se impuña pola forza, senón máis sutilmente por enganos publicitarios envoltos con gusto e ben deseñados. En definitiva, é o que nun celebrado ensaio Vicente Verdú chamou o capitalismo de ficción actual, que substitúe o capitalismo produtivo e o consumista.
Cunha linguaxe que nos lembra o esperpento de Valle ou mesmo o Manuel Antonio de Máis alá, Pereiro preséntanos o Estado actual nas mans de actores fracasados, charcuteiros flatulentos, mediocres avogados, charlatáns de taberna sevillana… cheos de insomnio e ebriedade de poder. Fronte a estes poderes omnímodos só queda a resistencia da tropa dos vencidos baseada en Terra, Lingua, Cultura, Dereito á diferenza, Mente aberta ao mundo… e nada máis. Son palabras de Pereiro, que escribe con inicial maiúscula para a procura dun efecto estilístico.
Moitos comentaristas teñen sinalado estes días a novidade do texto de Pereiro, que, publicado en 1996 en Luzes de Galicia, se adiantou ao tan exitoso Indignádevos! en máis de dez anos. Pero, desde o punto de vista estilístico, é un texto moi ben construído. Chama a atención a adxectivación acaída. Así debemos opoñernos ao poder con humor tibetano ou os intelectuais vendidos ao poder forman parte da submisión subvencionada. Fixémonos no acertado da aliteración e da reiteración do prefixo sub. Mais tamén, cando é necesario, bota man do coloquialismo expresivo. Todos os falantes do galego sabemos o que é non deixarse asoballar, que Pereiro aconsella como outra forma de oposición ao poder.
Tamén está presente a intertextualidade desde o becqueriano comezo do propio manifesto ou nese sangue, suor e bágoas. Non menos acertada é a imaxe da roda hidráulica do poder que tritura, o que nos leva ao tópico clásico das rodas de Fortuna, mais pasado por un certo futurismo, expresionismo e ata surrealismo, pois a imaxe desta roda parece un aparello kafkiano e de pesadelo, aínda que a calquera o leva ás célebres rodas de Fortuna clásicas. O emprego de oracións breves e tallantes ou tamén o uso da primeira persoa do plural inclusiva e exhortativa é outro acerto estílistico. O comezo do manifesto é un prodixio de sintaxe lenta para suxerir o dominio lento, continuo, inexorable do poder desde o comezo dos tempos. En fin non faltan os recursos típicos da boa argumentación, desde o paradoxo (as vítimas convertidas en verdugo), as interrogacións retóricas, as enumeracións abertas para que o lector complete co seu sentido crítico, as perífrases verbais de obriga…
Xa que logo, nestes días de insubmisión e do movemento do 15-M (Democracia Real Xa) cómpre ler este manifesto de Pereiro. Se os románticos acabaron decepcionados porque non podían acabar co sistema e os simbolistas, perante este fracaso, se apartaron da revolta, desprezando o sistema, Pereiro dá o paso da insubmisión continua, de opoñerse no concreto e cotián ao Sistema, para así acadar, engordiño, a Liberdade, a Xustiza, a Igualdade.
Complétase o libro con outros textos de Pereiro, de tipo ensaístico, que nos achegan máis a figura do homenaxeado neste Día das Letras. O certo é que foi coincidencia feliz do 17 de maio dedicado a Pereiro co xurdimento do movemento do 15-M. Pereiro xa o deseñara en 1996 no seu manifesto Modesta proposición para renunciar a facer xirar… Con textos coma este de Pereiro, eu comprendo cada día mellor a postura dos que se opoñen á difusión da lingua e cultura galegas. Que lean a Modesta proposición… os que din que a literatura galega é ruralista, atrasada e non sei cantas parvadas máis. Eu propoño, para facer efectivo o Día das Letras, que os profesores de Secundaria e Bacharelato o lean e comenten nas súas clases de Lingua, Historia, Cidadanía, Filosofía e semellantes nestes mes lectivo que nos queda de aquí a final de curso. Tampoco viría mal pór un fragmento como texto para comentar nas PAU.

Manuel Rodríguez Alonso.’

O orixinal pódese consultar aquí.

Os comentarios están pechados.