‘Lois Pereiro en 17 voces’ publicado por La Voz de Galicia

Publicado o libro Lois Pereiro en 17 voces en La Voz de Galicia:

“La Voz de Galicia presentou na sede da Real Academia Galega na Coruña o libro que dende hai xa dez anos dedica ao escritor homenaxeado no Día das Letras e que ofrecerá o vindeiro martes [17 de maio, Día das Letras Galegas] co xornal polo prezo dun euro. Lois Pereiro en 17 voces reúne outros tantos textos do poeta, escollidos por amigos ou estudosos da súa obra. O resultado, segundo o cualificou o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, é “unha achega moi orixinal e que constitúe unha visión completísima dun poeta total dende ángulos diversos”. Deste xeito, foi debullando as calidades do Lois Pereiro poeta: completo, profundo, ferinte e ferido, maldito, combativo, enraizado, atroz, creador, transcendente, innovador, furioso, alerta, poeta da vida e da morte e, por último, un poeta para sempre. Son visións que recollen en cadanseus textos os colaboradores do libro: Lino Braxe, César Casal, Arturo Casas, Salvador García-Bodaño, Lupe Gómez, Julián Hernández, Margarita Ledo, Miguel Mato Fondo, Pilar Pallarés, Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas, Antón Reixa, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane e Eva Veiga.
Pola súa banda, a irmá do escritor, Inés Pereiro, agradeceu en nome da familia a homenaxe da Academia e a publicación do libro de La Voz. Inés Pereiro cualificou o Día das Letras como unha festa “con negriña e maiúsculas”, que se celebra ininterrompidamente dende 1963 grazas “á teimosía da Academia e á receptividade da sociedade, xunto co apoio da prensa, que ese día publica as súas primeiras páxinas en galego”. Nesa idea de compromiso situou o libro Lois Pereiro en 17 voces, “que chegará a milleiros de lectores do xornal e que é unha das mellores formas de homenaxealo: os seus poemas seleccionados por persoas que o coñeceron ou que non, pero que en todos os casos foron alcanzados polo sentimento e a forza da súa poesía”.
Como unha nova estrela
O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, salientou o feito de que nunca antes se organizaran tantos actos arredor da figura honrada co Día das Letras. Na súa opinión, o “fenómeno Pereiro” arranca coa morte do escritor e “foi medrando en silencio ata que a decisión da Academia serviu para facelo estoupar”. Ferrín comparou este proceso ao das “potencias cósmicas e autodinámicas que fan medrar a súa forza na escuridade ata estoupar nunha nova estrela”.
Para o presidente da Academia, Lois Pereiro en 17 voces é un libro “importante, non só pola notoriedade dos autores, senón pola profundidade dos conceptos” expresados sobre o autor e a súa obra.
A seguir, Ferrín fixo unha breve pero precisa e incisiva análise da poesía de Pereiro. Salientou como o escritor comunicou “un xeito de intimismo radical, da raíz de si mesmo”, que triunfou “en días dominados pola trivialidade posmodernista, contra a que se rebelou”. “Puido ser un banal posmoderno, pero non o foi”, subliñou.
Para Ferrín, Pereiro era un poeta “en contradición co mundo que lle tocou vivir”, o cal non foi obstáculo para estar en contacto coa música e as formas de comunicación máis contemporáneas e avanzadas do seu tempo. “Pereiro é o anti-Pessoa: o poeta non é un finxidor, senón que, como Rosalía, coloca a verdade sobre o papel e ese papel fai vibrar”, afirmou Ferrín, quen situou ao poeta na mesma “xinea que o independentista Manuel Antonio, un escritor na liña de ruptura, na liña de avance máis radical”, que era un “autor monolingüe en galego” e políglota nas súas lecturas. “Rachou co conformismo. Síntoo moi próximo a min porque, dalgún xeito, continuou co pathos sentimental do grupo Brais Pinto”, concluíu sobre a conexión que percibe coa obra de Pereiro.”

O orixinal pode ser consultado aquí.

Un comentario to “‘Lois Pereiro en 17 voces’ publicado por La Voz de Galicia”