Exposición ‘Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro’, na Fundación Luís Seoane (A Coruña), entre o 20 de xullo e o 25 de setembro

“Coincidindo destacado47coa concesión do Día das Letras Galegas 2011 ao poeta Lois Pereiro, a Fundación Luís Seoane dedica esta exposición á figura e obra dun autor chave para comprender gran parte da escea cultural galega durante a segunda metade do século XX. Comisariada polo pintor e escritor Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro céntrase na intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos. Lois Pereiro xerou ademais unha iconografía de seu a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Unha escolla destas imaxes formará parte asimesmo deste proxecto expositivo, así como un impactante retrato expresionista do poeta realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño.”
A exposición, que será inaugurada o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas, poderá ser visitada desde ese día até o domingo 25 de setembro na sede da Fundación (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con entrada libre e o seguinte horario: de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado).

Os comentarios están pechados.