Mario Regueira: ‘Habería que resucitar a Lois para ver que lle parece todo isto’

Entrevista a Mario Regueira no Xornal de Galicia:

‘”Lois é unha persoa de fronteira”, advirte a contracapa. Ese é o Pereiro que persegue Mario Regueira (Ferrol, 1979), poeta, narrador e pereirista confeso. Faino, argumenta, nunha dobre acepción: como autor e como crítico. Tamén vale estoutra: “Como un contrabandista que perdeu o seu grupo ou un vixía que pretende darlle caza”. Lois Pereiro. Unha persecución (2.0 Editora, 2011), daquela, pretende ser un libro igualmente fronteirizo, “capaz de acoller as múltiples formas dun autor que pedía cuspe e non homenaxes”.
– Xornal de Galicia (X): Por que perseguir o poeta?
– Mario Regueira (MR): Para procurar esa figura de Lois Pereiro que ten algo de fantasmal e intentar atrapala dende perspectivas que non son as habituais. Vinme á hora de facer este libro nun dobre papel: o de quen ten feito algo de crítica e o de autor literario que atopa en Pereiro unha referencia.
– X: Foi unha encarga ou naceu antes de que se lle dedicase o Día das Letras?
– MR: Este tipo de libros son máis posíbeis nun ano así, pero non é unha encarga. Foi un desafío dun compañeiro moi pereirista. Un convite a facer un libro distinto que reflectise cousas que tiñamos falando entre nós, como lectores apaixonados.
– X: Non se cita ningún outro traballo sobre o poeta, de ningunha caste.
– MR: Eu vivín un achegamento a Lois Pereiro nun momento no que era moi difícil atopar información sobre el, foi algo común a moita xente do meu tempo. Tiven que inventar a biografía, reconstruíla, encher os ocos, pescudar a través de pequenos datos que non eran doados de confirmar. Este ano botei un pouco en falta ese chamado ao inasíbel, a ese Lois persoal que todos tiñamos, o Lois que eu tiña como escolta persoal, para intentar salvagardalo da obxectividade ou da fixación concreta que se fixo até a extenuación ao longo deste ano.
– X: Tampouco se reproducen textos de Lois Pereiro. Nin sequera se citan.
– MR: Supoño que polo mesmo. Creo que a obra de Lois está fixada e ao alcance de calquera. O libro fala dela –e da súa vida–, pero creo que non vén ao caso repetila. Esa foi a teima: evitar a repetición nun intre en que os versos de Lois aparecen mesmo nas bolsas do supermercado.
– X: Por que a música popular contemporánea é tan importante no libro?
– MR: Dunha forma un tanto inédita –non completamente– con respecto á súa xeración literaria –dende o punto de vista biográfico– Lois Pereiro ten un achegamento a determinados campos que el asume como referencias e como citas literarias que os seus coetáneos non teñen. Nese sentido, a música popular, o pop, o punk, movementos dos que foi máis ou menos coetáneo, non son doados de atopar nin na literatura daquela época nin na que veu despois até moito máis tarde.
– X: Ocúpase da proposta “ética” –e non “política”– de Lois Pereiro, que interpreta ademais en clave posmoderna.
– MR: Se cadra porque as súas alusións políticas son en moitos casos contraditorias cando as lemos en sentido literal. Creo que as usa como exemplos de resistencia.
– X: En que consiste esa proposta “ética”?
– MR: Baséase en que xa que non podemos cambiar o mundo, xa que nos vemos impotentes, intentemos non empeoralo e intentemos mellorar a nosa sensibilidade artística para que sirva como barreira contra a barbarie. É unha proposta que segue a ser válida hoxe en día, e ten que ver co Indignádevos de Hessel e con moitos dos movementos cidadáns que estamos a ver hoxe en día.
– X: Nun dos capítulos de ficción sitúa o poeta en Edimburgo buscando heroína. Nun bar coincide con Irvine Welsh, a quen lle fala do trainspotting, e á saída tropeza con Bernhard, a quen nin sequera recoñece.
– MR: O encontro que a Lois lle tería gustado era o de Thomas Bernhard, pero dende o meu punto de vista o máis interesante sería con Irvine Welsh. Non sei se o chegou a ler nin se chegou a ver Trainspotting, a película, pero son dúas persoas da mesma idade que proceden dun ambiente suburbial, participan dos mesmos movementos en contextos distintos e fan literaturas que para min son como o día e a noite, pero que teñen ese punto de converxencia. Pareceume interesante ese encontro falso como fantasía. Bernhard é aí para Lois o que Lois é para nós: esa persoa que puideches ter moi preto nalgún momento sen decatarte.
– X: Como Antón Lopo n’A palabra exacta, resucita literariamente o poeta para entrevistalo. Por que esa necesidade?
– MR: Todos necesitaríamos resucitalo para preguntarlle moitas cousas e que lle parece todo isto. É un xogo literario. Quen fala non é el, son eu a través da súa voz impostada.
– X: Daquela son súas as críticas de Lois Pereiro ao Día das Letras Galegas e a todos os libros, incluído este, que se editaron?
– MR: Parcialmente. O Día das Letras foi sobre todo unha oportunidade, e como tal creo que se aproveitou nuns casos e se desaproveitou noutros. É moi difícil xulgalo mentres está a pasar. Verémolo con máis claridade dentro duns anos. Con todo, foi un deses acertos que non acostuma a ter a Academia. O que pasa é que cando xeras un movemento de masas todo queda en mans da sociedade e a sociedade fai cousas que a min me poden gustar e outras, como as bolsas do Gadis e un par delas máis, coas que eu creo que Lois non estaría de acordo. En todo caso, ninguén pode falar no nome dos mortos.’

Publicado en Xornal de Galicia o 18 de xullo de 2011.

Os comentarios están pechados.