‘As leccións de Pereiro’, en Cultura Galega

Artigo publicado en Cultura Galega:

‘Hai non tanto tempo eran moitas as voces que sinalaban que o Día das Letras era unha celebración caduca e con pouco futuro. No entanto, as edicións dos últimos anos, dedicadas sucesivamente a nomes de lustre e con contrastada calidade literaria como Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro ou Uxío Novoneyra detiveron unha certa tendencia a apostar pola recuperación de autores pouco coñecidos. A consolidar a data, o día dedicado a Lois Pereiro neste 2011 amosou unha mobilización inédita pola súa amplitude e a variedade e manifestacións que se realizaron arredor deste autor desde a sociedade civil.
Non cabe dúbida de que as peculiaridades literarias e biográficas de Pereiro facilitaron en boa medida que a celebración deste ano fose especial. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, salienta que “se lle outorgou o día a un escritor que forma parte da cultura que está a crear neste mesmo momento. Deu unha obra que deu sustento a novas xeracións e mais aos seus propios contemporáneos. Entón esa actividade descentralizada que acompañou a celebración tamén pode ser por iso. A base social e organizativa de todo este tecido viuno como algo propio, e por iso penso que se pode falar dun éxito”. Coincide con el Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros, quen sinala que “é unha figura contemporánea, e ademais era descoñecida para parte dos lectores, o que axudou a un maior achegamento”. Miguel Anxo Fernán-Vello sinala tamén que “foi unha figura moi próxima no tempo cunha serie de características que fan que haxa con ela unha sentimentalidade e unha proximidade importantes. Iso, unido á súa posición política e literaria provocaron unha grande atención. Foi un grande acerto da Academia e da sociedade”. Pola súa banda, desde a Asociación de Editores, Manuel Bragado apunta que “falamos dunha figura que tiña moitos enlaces co noso tempo, e iso permitiu que que accedese á celebración un público máis amplo e non só estrictamente escolar, como viña sendo habitual. Logo penso que está a ser moi relevante nos cinco últimos anos o esforzo editorial, moi compartido. O outro día contábamos 27 títulos arredor de Lois Pereiro. Aínda que a nivel comercial o Día das Letras supón moito menos que hai quince anos si se observa un esforzo máis amplo das editoras”, o que redunda nunha maior visibilidade vencellada ao evento.
Multimedia
E é que, neste ano, floreceron as propostas arredor de Pereiro a aproveitar os máis variados medios. Videos e documentais, por outra banda habituais xa nos últimos homenaxeados, adoptaron desta volta propostas máis arriscadas e actuais. O poeta chegou ás artes escénicas da man de propostas como o espectáculo Mundo Lois ou Poesía Última de LP. Discos e espectáculos musicais baseados nos seus traballos ou en homenaxe sucedéronse e sucédense, así como recitais nos que a música cobra un importante protagonismo e que mesmo teñen versión gravada como é o CD Poemas que editou Xestión Literaria Galega coa voz de O Leo e música de Alfonso Camarero. “Debemos aprender un pouco desa diversidade de soportes na promoción da obra e o autor”, apunta Bragado. “É moi significativo o éxito que tivo nas feiras do libro a BD que fixo Jacobo Fernández sobre o autor, aí vese como funciona a vontade de ampliar público”.
2.0
En consonancia coa variedade de medios e alta implicación social na festa, a rede nunca foi tan aproveitada nun día das letras como no dedicado a Pereiro. “Paréceme significativa a presenza da cultura dixital neste éxito. Desde o comezo houbo presenza en twitter, en facebook, en blogs e redes, especialmente no ámbito didáctico e escolar, fixéronse pezas moi bonitas”, lembra Bragado. Videocreacións, entrevistas, documentais e filmacións de recitados e de actos de homenaxe recalaron en Youtube e atoparon o seu espazo nas redes sociais da man de colexios, asociacións ou simples usuarios que participaron nas celebracións. Para alén de propostas inéditas na celebración desta data, Internet serviu tamén de amplificador para actividades, nomeadamente de centros de ensino, que posiblemente se abordaran xa con outros homenaxeados mais que non conseguiran difusión no seu día, como puido ser a sorprendente adaptación coregrafada do poema Revisando os danos á clase de Educación Física que fixeron no CEIP Felipe de Castro de Noia. A rede tamén propición o desenvolvemento de novos formatos para os proxectos escolares como foi o documental Lois Pereiro. As armas da paixón, que realizaron escolares da Baña e dos Dices. A propia web oficial do evento foi en si mesma un exemplo do carácter democrático da celebración, recollendo todo tipo de iniciativas e contidos, tanto institucionais como de colectivos ou empresas, e rachando co modelo de información maioritariamente institucional que durante anos caracterizou os espazos público na rede dedicados ao Día das Letras.
Vindeiras edicións
Teremos que agardar a anos vindeiros para comprobar se o despregue de imaxinación que vimos neste 2011 se pode adaptar a homenaxeados que, a priori, poden ter un menor atractivo social. “Vai ser difícil que se poidan dar circunstancias semellantes no futuro. Outros nomes literarios non van concitar esta reacción masiva”, apunta Fernán-Vello. O feito de que os autores conmemorados deban levar cando menos unha década falecidos, segundo establece a Academia, pode dificultar a recuperación de figuras que conecten coa mocidade. Queda por ver se a cada vez maior presenza da rede e as posibilidades de difusión que implica dá nunha maior presenza de propostas que poida compensar dalgún xeito posibles eivas no interese de autores. “Hai que ser conscientes de que entre todos podemos aumentar a repercusión de calquera figura que sexa designada”, apunta Xurxo Patiño. “Desta volta houbo moitos movementos e mesmo naceu un contorno 2.0 arredor da figura de Pereiro que non se dera, e iso non se debe cirscunscribir ao Día das Letras, senón pensar nas posibilidades das novas tecnoloxías para dar a coñecer a nosa cultura”. Máis xente a facer e difundir cousas pode facilitar que xurdan propostas atractivas. Nese sentido, Bragado chama a unha certa mudanza de enfoque no tratamento dos homenaxeados. “O día débenos facer ollar máis para o futuro do que para o pasado, as figuras deben axudarnos a dialogar sobre o noso tempo e o proxecto de Galicia e da nosa literatura”.
Apertura
Un feito particular deste último Día das Letras, é que a Academia llo dedicou a alguén que viña sendo reivindicado con certa insistencia por diferentes voces do mundo cultural. Este factor pode ser outro dos que expliquen o eco que acadou a celebración neste ano. Cesáreo Sánchez sinala que “por unha banda se queres que haxa participación, a data ten que se compartida con toda a sociedade. Eu penso que, igual que a Academia Sueca recibe propostas anuais para o Nobel, sen que iso signifique que se invadan a súas competencias nin se cuestione a súa autoridade, penso que é importante que a RAG sexa receptiva ás opinións maioritarias da sociedade, iso garante a participación”. Sen fiar tan fino, Bragado considera que unha xestión máis aberta da celebración será beneficiosa. “Debe ser unha efeméride organizada en mancomún. Este é un esforzo da sociedade civil, promovido pola Academia, e na que o sector editorial, as escolas, o asociacionismo ou os concellos poden pór o seu esforzo para conseguir uns obxectivos que deben ser recuperar a obra literaria e a figura humana e literaria dos homenaxeados”. A concretar máis, Cesáreo Sánchez sinala que “penso que hai unha Marola que pasar, que é o nome de Ricardo Carvalho Calero. Está aí, pendente, e hai un sentir bastante maioritario na sociedade para que se lle conceda”. Coincide con el Miguel Anxo Fernán-Vello, quen salienta que “boa parte da sociedade máis informada fala del, e cada ano que pasa sen se celebrar a súa figura é un ano no que se enterra máis a coherencia e a lóxica. É un erro que non sexa considerada unha das figuras máis importantes das nosas letras”. Encol da permeabilidade da RAG, os sectores consultados coinciden na necesidade dunha maior apertura á sociedade, malia a que, como sinala Cesáreo Sánchez, “dalgún xeito as letras son froito da propia composición da Academia, e esta mudou moito. Nós mesmos temos un convenio de colaboración con eles que era impensable noutro tempo. Pódese dialogar con eles e hai unha confianza. Ademais, polo xeral é para estar contentos cos nomes que vai traendo á luz”, conclúe.
A selección
“De Pereiro podemos aprender que cómpre apostar por figura determinadas nun momento dado, tamén segundo o que se queira reivindicar”, explica Xurxo Patiño. A incidir nese campo, Cesáreo Sánchez considera que a figura de Paz Andrade é especialmente acaída ao actual panorama. “Estou especialmente contento con esta elección. Penso que é un home que participou en vertebrar a sociedade que temos hoxe e que desgrazamente está a ser bastante agredida no seu centro de gravidade, que é a lingua”. Pola súa banda, tamén Fernán Vello chama a reivindicar o potencial revindicativo da data. “Estamos nun momento de demolición de todo o que significa a cultura galega, nomeadamente no idioma, e aí está o tema de que esta celebración debería, ao meu ver, ir para alén do aspecto meramente literario e trascender tanto no ensino como tecido social”. Bragado apunta tamén que de cara á data, e en xeral, “a cultura galega debe ter unha expresión multisoporte e multixenérica. A expresión cultural está na literatura na música e nas artes escénicas. Este é o gran reto”. Como desexo, apunta que “agardamos que con Valentín Paz Andrade, que posiblemente é unha figura mais difícil e complicada, tamén se consiga un grande éxito”. A conta atrás está en marcha.’

Publicado o martes 6 de setembro de 2011. O orixinal pódese ver aquí.

Os comentarios están pechados.