‘A porta entreaberta ou as balas do desexo’, espectáculo poético-musical sobre poemas de Lois

O mércores 16 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Vite (Biblioteca do Centro) de Santiago de Compostela, o grupo Ouriol (formado polos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez e a poeta Eva Veiga) representará o espectáculo poético-musical A porta entreaberta ou as balas do desexo, con poemas de Lois Pereiro, que contará tamén coa participación artística na creación de imaxes do pintor Alfonso Costa.
“Non é doado afanarse en vivir cando a dor e a ruína física nos invaden. Só algúns espíritos realmente fortes e xenerosos conseguen asumir a enfermidade e con ela seguir adiante para aprender e comprenderse.
Unha experiencia certamente difícil que Lois Pereiro realiza como unha viaxe até o máis fondo da pulsación humana para, con lúcida serenidade, erguela e transformala en Poesía. Cartas e poemas que nos conmoven pola súa verdade e pola súa eficacia comunicativa. Palabras ou dardos que nos curan coa furia do amor.
O Grupo Ouriol, fiel dende hai tantos anos ao seu obxectivo de comunicar do mellor xeito posible e para todos os públicos a nosa poesía, non podía faltar a esta cita do Día das Letras Galegas con Lois Pereiro.
Por iso propoñemos un espectáculo poético, musical e visual que é en realidade unha historia de amor alén do tempo e contra toda imposibilidade.
A escolla realizada pola poeta Eva Veiga -e voz recitadora do Grupo Ouriol- componse de poemas pertencentes aos libros Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, así como de fragmentos significativos de Conversa Ultramarina, longa carta que Lois Pereiro escribe ao amor da súa vida, Piedade Cabo.
Pola súa parte, os músicos Fito Ares (frauta) e Bernardo Martínez (percusión e clarinete) interpretan a música que asemade eles mesmos compoñen ex profeso para os textos do poeta monfortino.
Igualmente contamos neste espectáculo coa inestimable colaboración, por unha parte, do pintor Alfonso Costa na creación de imaxes a proxectar e, por outra, do director teatral Quico Cadaval na dirección escénica.”
Máis información neste arquivo: A porta entreaberta ou as balas do desexo Grupo Ouriol Lois Pereiro 2011.

Un comentario to “‘A porta entreaberta ou as balas do desexo’, espectáculo poético-musical sobre poemas de Lois”

  1. […] Espectáculo poético-musical em Compostela sobre poemas de Lois Pereiro loispereiro.blogaliza.org/2011/11/14/a-porta-entreaberta-ou-…  por beto hai 2 segundos […]