Avenida Lois Pereiro: solicitude de modificación do rueiro de Lugo

A mañá do luns 31 de outubro, representantes da Asociación Cultural Cultura do País e da Asemblea da Zona de Lugo d’A Mesa pola Normalización Lingüística rexistraron no Concello de Lugo unha proposta de modificación do rueiro para que a Avenida Ramón Ferreiro pase a chamarse Avenida Lois Pereiro.

O texto da solicitude é o seguinte:

EXPOÑEN:

1. Que no Estado Español está vixente a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a prol de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, máis coñecida coma Lei da Memoria Histórica; que establece no seu artigo 15 a obriga das administracións públicas a tomaren medidas para a retirada da simboloxía e mencións públicas que exalten a guerra civil e a ditadura.
2. Que no Concello de Lugo, ademais de moitas rúas e símbolos adicados ao enxalzamento do bando vencedor na Guerra Civil e da sanguenta ditadura posterior, persiste a día de hoxe a denominación dunha das principais vías de comunicación da cidade, a avenida que conecta a Praza da Horta do Seminario coa Praza do Rei, leva o nome de Ramón Ferreiro Rodríguez, quen foi Jefe Provincial do Movimiento nos anos corenta e procurador en Cortes nas primeiras lexislaturas do Franquismo por designación da Delegación Nacional de Sindicatos. A permanencia deste nome nunha rúa principal de Lugo, ademais de situarse fóra do establecido pola Lei, é unha ofensa aos valores democráticos e as vítimas da persecución sufrida pola ditadura e as súas familias.
3. Que no Concello de Lugo non existe ningunha rúa adicada ao escritor monfortino Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996), a quen se adicou este ano 2011 o Día das Letras por parte da Real Academia Galega. Este autor, que tivo unha participación destacada nos movementos contraculturais dos anos oitenta e noventa do século XX, na época coñecida como da “movida”, ten publicados dous poemarios en vida: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade (1995). En 1996, o ano da súa morte, saíu ao prelo Poemas para unha Loia, que recolle as obras da súa etapa madrileña. Participou en varias revistas da época: Loia, La Naval ou Luzes de Galiza, entre outras. Traballou como tradutor de cinema en varios idiomas e as súas letras influíron varios temas de música punk do momento.

SOLICITAN:

Que a actual vía denominada Avenida de Ramón Ferreiro pase a chamarse Avenida de Lois Pereiro.

Os comentarios están pechados.