O Incio pecha o ano adicado a Lois Pereiro cunha homenaxe ao poeta

Artigo en El Progreso:
“Unha placa cun poema de Lois Pereiro lembra dende onte na nova praza pública do Incio as raíces do protagonista das Letras Galegas do 2011. Os actos de conmemoración do ano adicado a Pereiro pecháronse neste concello cunha homenaxe de carácter institucional á que asistiron familiares, veciños, membros da corporación de todos os partidos políticos e persoeiros vinculados á cultura.
A celebración deu comezo ás sete da tarde coa recepción dos invitados por parte da alcaldesa, Laura Celeiro, no salón de actividades da casa do Concello. Segundo lembrou, o pleno do Incio acordou por unanimidade o pasado mes de outubro, e a proposta do concelleiro do BNG, organizar un recoñecemento público a Lois Pereiro, dada a vinculación do poeta con este municipo, onde naceron seus pais e onde repousan os seus restos, en Santa Cristina do Viso.
A homenaxe contou coa presenza da nai e dous irmáns de Pereiro, que firmaron no libro de honra do Concello. Foron tamén os encargados de descubrir a placa conmemorativa que se instalou nun dos muros da plaza e que leva tallado en pedra un dos poemas de Poesía última de amor e enfermidade.
O acto foi especialmente emotivo para a nai do autor e, segundo lembrou seu irmán, Xosé Manuel Pereiro, supuxo o regreso ó punto de partida e ás orixes xenéticas.
Recital poético
Unha vez inaugurada a placa, a casa do Concello acolleu un recital de poesía, no que tomaron parte Marica Campo, Olga Novo e Manuel Rivas.
Estaba previsto que a celebración rematase, xa pola noite, cun concerto nas instalacións do antigo mercado gandeiro cos grupos musicais A Quenlla e Ondas Martenot, este último creado para honrar a figura de Lois Pereiro.
Con esta homenaxe, O Incio foi o encargado de dar por rematado o ano do poeta, tan só unhas horas despois de que a Real Academia Galega (RAG) pechase o congreso organizado durante os últimos tres días na Cidade da Cultura de Santiago e na sede da institución na Coruña coa participación de diversos escritores e expertos en literatura galega. Ao remate deste congreso, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, fixo un chamamento a dar «continuidade» no futuro a este tipo de celebracións.
Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996) foi elixido este ano como protagonista do Día das Letras Galegas por unha obra na que destaca «o discurso reflexivo, con pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos trazos de contracultura».
Ao longo do ano sucedéronse por toda Galicia actos de recoñecemento, aos que O Incio no foi alleo. En maio, a asociación A Ouriceira, en colaboración con familiares e amigos do poeta, organizou un percorrido de Reádigos a Santa Cristina, e un recital de poemas ante a tumba do autor. Só faltaba a homenaxe institucional, que se celebrou onte e á que se sumaron numerosas persoas.”

O artigo orixinal, do domingo 18 de decembro de 2011, pódese consultar aquí. A fotografía é a que se recolle neste mesmo xornal.

Os comentarios están pechados.