O director xeral do Libro destaca a “enorme calidade literaria de Galicia” na clausura do congreso ‘Lois Pereiro’

Nota de prensa da Consellería de Cultura:
“O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, participou esta mañá na sede da Real Academia Galega, na clausura do Congreso Lois Pereiro, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e da Universidade da Coruña e que se desenvolveu desde o 15 de decembro en Santiago e A Coruña. O director xeral salientou nas súas verbas a “enorme calidade literaria de Galicia” e definiuna como “unha terra que figura por dereito propio, e cunha lingua propia, entre as máis consideradas do mundo”. Francisco López destacou na súa intervención, a capacidade que ten Galicia para “crear correntes novas con prolongación noutras comunidades, noutros países e mesmo noutros continentes, onde se nos recibe con recoñecida admiración”.
Nun 2011, no que o director xeral sinalou a Lois Pereiro como o “autor máis celebrado na conmemoración das Letras galegas dos últimos anos”, Francisco López manifestou a súa gratitude respecto “a todos aqueles que tomaron o legado de Lois Pereiro como parte do tesouro literario e colectivo de Galicia”. Deste xeito, o director do Libro enumerou “aos amigos que o apoiaron, como Manuel Rivas, que desde a xenerosidade do seu talento soubo recoñecer o talento do amigo; ás editoriais que o acolleron, empezando por Edicións Positivas, coa que viu a luz a súa escrita, e a tódalas institucións que colaboraron na difusión da súa obra”.
O director xeral enxalzou a vida e obra de Lois Pereiro e salientou como en “circunstancias que todos coñecemos, coidou ata o final a súa apertura creativa, a súa exploración dos elementos sutís da intelectualidade europea e a súa maduración”. Do mesmo xeito o director do Libro invitou a todos os galegos e galegas a “dar continuidade á celebración do poeta”.
A Consellería de Cultura e Turismo colaborou na organización do Congreso Lois Pereiro, desenvolto desde o 15 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia e na sede da Real Academia Galega, na Coruña. Este congreso, organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Universidade da Coruña, tivo como protagonistas a grandes escritores e expertos en literatura galega que analizarán a obra e a vida do poeta monfortino.”

A nota pódese consultar na súa versión orixinal, do sábado 17 de decembro de 2011, aquí.

Os comentarios están pechados.