Reportaxe sobre o recital ‘Picaversos’ en homenaxe a Lois Pereiro

Reportaxe sobre o recital Picaversos adicado a Lois Pereiro o pasado 20 de decembro en Santiago:
“O último Picaversos do ano estivo centrado en Lois Pereiro. Intentamos homenaxear ao poeta de Monforte da forma que a el lle gustaría, nun pub, entre copas e música, e escoitando as súas palabras da boca de Iago Martínez, Paco Macías e Mario Regueira, coñecedores e seguidores da obra de Lois, e tamén as palabras daqueles autores dos que el bebía, as pegadas que herdou e as que deixou noutros escritores.
A petición de Piedad Cabo, que non puido estar con nós ese día, Marta Pedrosa leu dous poemas mantra “que usabamos para o que tiñamos que vivir e que non nos interesaba”: La buhardilla, de Ezra Pound e Lo Imperdonable, de Hölderlin. Á parte de textos de Lois Pereiro, Mario Regueira tróuxonos ao poeta portugués Al Berto, a Thomas Bernhard, e fixo soar a versión de António Variações de Povo que lavas no rio, Paco Macías leu a Ezra Pound e a Szymborska, e Iago Martínez pechou a noite con Carver, Chus Pato, Dores Tembrás e Gramsci.
E soaron os temas It´s a perfect day, de Lou Reed, Narcisismo, de Das Kapital, Corredor de fondo, de Tora! Tora! Tora!, Innocent when you dream, de Tom Waits e “Southern Man”, de Neil Young.
As fotos son cortesía de Toko e Esther Taboada.”

Pode verse a versión orixinal no blogue de Picaversos, con todas as fotografías.

Os comentarios están pechados.