Conversa ultramarina, por Ramón Nicolás

«Entre os papeis rescatados de Lois Pereiro deuse a coñecer, hai poucas datas, un volume que, como todos os rescates, posúe unha intrahistoria peculiar. O texto escribiuse entre marzo e xuño de 1995 e concibiuse como unha proposta confesional, alimentada por unha evidente pluralidade de contidos, baixo a forma dunha longa epístola, articulada en dúas quendas e sendo máis reflexiva a segunda, pois os textos enviáronse a Piedad R. Cabo, destinataria última destas reflexións e quen os conservaba até o de agora.

Ao meu ver a decisión de incorporar estes textos, nun principio de carácter privativo, ao acervo da bibliografía de Pereiro, é un evidente acerto pois ilumina non poucos aspectos, se se quere complementarios pero sempre importantes, tanto do seu legado literario como, en menor medida, dos seus socalcos biográficos.  E tamén dá no albo, cómpre dicilo, o labor como editor textual levado a cabo por Hugo Martínez: discreto e respectuoso co orixinal conservado.

Conversa ultramarina ultima unha vontade para o que talvez puido ser ideada pois resulta palpable a súa sólida unidade conceptual e nela déixase entrever certa intención autorial de que o mangado de textos puidesen publicarse. Agora, distancia e tempo polo medio, o pequeno prólogo de Piedad Cabo pecha un círculo trazado sobre a fronteira visible entre  vida e morte, ollando tamén para o amor, a dor e a amizade como elementos fulcrais que Pereiro recrea aquí.

A xeito de desinhibida treboada de ideas, pensamentos e confesións delúvanse estados de ánimo e brilla, con máis fulgor se couber, a prosa de Pereiro da que se coñecían até agora só escasas mostras. A ollada irónica, a asunción de postulados libertarios e revolucionarios e o enorme peso da literatura entendida como vida,  escóanse por esas portas que se van abrindo e enxálzanse tamén como factores a ter moi en conta para entender o periplo creador do monfortino. O seu propio e intransferible universo de referencias abrollan aquí e acolá: a carón das musicais, moi abondosas, son moi recorrentes as literarias –sempre Shakespeare, Handke, Joyce ou Bernhard entre moitos outros- de mans dadas coa vontade de aferrarse á vida procurando con teimosía outra perspectiva para observar o mundo coa palabra. Un mundo cruzado polos afectos, viaxes, encontros, golpes, proxectos, caídas, confidencias, esperanzas, naufraxios, ausencias, dúbidas e emocións.

As páxinas de Pereiro espellan, motivadas por esa ausencia que todo o modifica, un tránsito, un pasar que agora queda retido e que vibra arestora cheo de vida. Sendo consciente diso escribiu un día de maio do noventa e cinco sobre a necesidade de coñecer o tempo que tiña por diante para calcular as páxinas dun testamento no que deixar a alma e súa “póstuma furia amorosa e literaria” ante o mundo. Non hai mellor definición deste libro imprescidible, que tantas veces estremece, para este ano Pereiro.» (Vía Caderno da Crítica)

4 Comentarios to “Conversa ultramarina, por Ramón Nicolás”

  1. […] – 10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico. – 11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro. – 12:00-12:30 h. Miguel Mato Fondo: Dúas […]

  2. […] – 10:30-11:00 h. Anxo Angueira: Lois Pereiro lírico. – 11:00-11:30 h. María Xesús Nogueira: Conversa ultramarina. Epistolario de amor e enfermidade de Lois Pereiro. – 11:30-12:00 h. Descanso. – 12:00-12:30 h. […]

  3. […] que la lucha contra la enfermedad es la que le hace ser más vitalista. En ese poemario, como en Conversa ultramarina, se ve el espíritu de Lois Pereiro. Los diarios son muy positivos. Él era un hombre pesimista, […]

  4. […] «Aniquilar el dolor aniquilando el deseo», dijo Buda. Un buen consejo que llega un poco tarde porque soy ya un experto en ambas cosas y prefiero sufrir, callar y hundirme los dedos en la herida antes de olvidar el más mínimo instante de mi deseo por ti. Ya ves, nunca seré budista. Demasiado tiempo entre dos vidas y no quiero perderte entre transmigraciones y, entre ellas, mi dolor y mi fracaso. (Lois Pereiro: Conversa Ultramarina).» […]