A Coruña lembra a Pereiro ao berro de “Sempre Lois”, por Héctor J. Pena

“Baixo o sol que tanto lle gustaba”, en palabras de Lino Braxe, A Coruña tornou durante a xornada de onte na capital do universo Lois Pereiro. O desaparecido poeta monfortino recibiu un cálido tributo por parte de centos de persoas, que se congregaron na praza de María Pita para participaren na manifestación poética Vento Lois.

Os acordes da Banda Municipal de música iniciaron a un evento no que tomaron parte familiares, amigos e curiosos atraídos pola algarabía e o bo tempo que viviu a cidade. Entre os asistentes estaban os tres grandes responsables de Vento Lois: o irmán do escritor, Xosé Manuel Pereiro; o seu amigo Manuel Rivas e a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo.

Nese intre, un Lino Braxe que exerceu como mestre de cerimonias, megáfono en man, coreou o berro de guerra da manifestación: “Sempre Lois”, que supuxo o punto de partida dun pequeno pasarrúas que ateigou Rego da Auga –que une María Pita co Teatro Rosalía de Castro–, baixo unha pancarta co lema “O odio fire. A indiferenza mata. Amarte vida”.

Dende logo, se o obxectivo da concentración –ademais de homenaxear a Lois Pereiro– era o de difundir a súa palabra, conseguírono. Manuel Rivas fixo voar os versos do de Monforte de Lemos botando ao aire decenas de copias dos seus poemas, que os cidadáns recollían para ler con avidez.

Outro momento destacado foi cando, case ás portas do Rosalía de Castro, unha elegante dona coruñesa, ataviada co seu abrigo e as súas perlas, recollía de mans de Xurxo Souto un dos poemas de Lois Pereiro. “No lo conocía, pero escribe muy bien. Es una poesía muy bonita”, sinalou para Xornal de Galicia.

Tamén, respondendo ao chamamento dos organizadores, puidéronse ver carteis con versos de Lois Pereiro entre os asistentes á manifestación poética. Entre todos, destacaba un co lema “Aprender é unha victoria”.

María Xosé Bravo sintetizou nunha frase, xa no Teatro Rosalía, todos os sentimentos que afloraban entre os asistentes: “Non nos reúne un heroe local dalgunha batalla, senón un poeta. Iso nos honra”. (Vía Xornal de Galicia)

Os comentarios están pechados.